XUNTA DE GOBERNO

O Concello encomenda ao Consorcio o proxecto de restauración do Auditorio

13/03/2015 O Consorcio de Santiago será o encargado, a través dunha encomenda de xestión, de elaborar un proxecto de restauración do edificio do Auditorio de Galicia. A intervención estará destinada a reparar os danos que presenta, para que siga a manter os seus valores estéticos e cumpra o seu papel fundamental de acoller as actividades para as que foi deseñado como primeiro contedor cultural da cidade.

A Xunta de Goberno aprobou a fórmula da encomenda de xestión por considerar que é "a mellor, tendo en conta a capacidade técnica, con criterios de calidade e eficacia, de que dispón o Consorcio de Santiago", indicou o alcalde, Agustín Hernández.

O Auditorio foi inaugurado en outubro de 1989, grazas á intervención conxunta do Ministerio de Cultura, da Xunta e do Concello e, dende 1996, é sede da Real Filharmonía de Galicia.

"Despois de 25 anos de funcionamento chegou a hora de sometelo a unha posta a punto que lle devolva unha imaxe, o confort e a funcionalidade que é preciso recuperar e manter", apuntou o rexedor municipal.

Documentos relacionados



Compartir: