XUNTA DE GOBERNO

A reurbanización do ámbito da Almáciga entre San Roque e San Caetano continuará co tramo entre Santa Clara e Basquiños

13/03/2015 A Xunta de Goberno adxudicou as obras de urbanización do tramo entre Santa Clara e Basquiños, por un importe de 340.310 euros e un prazo de cinco meses. Continuarán así os traballos neste ámbito da Almáciga (entre San Roque e a praza da Paz), onde están a piques de rematar as obras do tramo entre Basquiños e Pastoriza.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, "a intervención seguirá a liña marcada en Basquiños, con redución do largo da calzada, recuperando para os veciños este espazo público, cun novo equilibrio entre o coche e o peón. Ampliaranse as beirarrúas e eliminaranse desniveis, e melloraranse as redes de instalacións urbanas".

Lembrou que, neste ámbito, están concluíndo as obras do tramo Basquiños-Pastoriza e nas últimas semanas foron aprobados os dous proxectos para as obras no ámbito de Santa Clara -entre o inicio da rúa dos Basquiños e o cruce da rúa de San Roque coa travesa de Santa Clara- e para o tramo entre Pastoriza e a praza da Paz, en San Caetano.

"En conxunto, no itinerario completo entre San Roque e a praza da Paz vanse investir finalmente máis de 1,5 millóns de euros, que van permitir dispoñer dun contorno humanizado, cómodo e seguro, onde o tránsito peonil se verán notablemente mellorado, o mesmo que a estética urbana e a calidade ambiental", apuntou Agustín Hernández.

Demolición da Casa da Xuventude
Outra adxudicación aprobada pola Xunta de Goberno foi a dos traballos de demolición da Casa da Xuventude, por un importe de 118.772 euros e un prazo de execución de tres meses. Durante as obras realizarase un control e seguimento arqueolóxico, especialmente no relativo a demolición das cimentacións, retirada previa das contencións existentes e desmontes asociados e na execución de determinados muros.

Recordou o alcalde que os traballos de demolición adxudicados serán completados cun proxecto de reurbanización da parcela, traballos que xa foron contratados e nos que se continua avanzando.

Neste mesmo ámbito tamén se levará a cabo un proxecto piloto para o soterramento de instalacións, cunha encomenda de xestión ao Consorcio de Santiago, co que se prevé actuar no interior e no exterior dos edificios, a substitución de cables aéreos e unha nova iluminación pública.

Inspección fiscal
A Xunta de Goberno tamén adxudicou na súa sesión ordinaria o servizo de asesoramento e colaboración na inspección fiscal, por un importe de 320.000 euros/ano, para un período de 3 anos. "Co labor de asesoramento e colaboración trátase de realizar unha xestión tributaria e recadatoria integral, baseada na equidade e na claridade e tamén, por suposto, previr, controlar e loitar contra o fraude e a morosidade", explicou o alcalde en relación a este acordo.

Documentos relacionados



Compartir: