XUNTA DE GOBERNO

A norma reguladora do plan "Santiago Suma" garantirá a posta en marcha dun programa social municipal ao que o Concello destina un 86% máis que o pasado ano

13/03/2015 A Xunta de Goberno deu o visto bo inicial á Ordenanza reguladora do programa "Santiago Suma", que recolle o contido do plan integral presentado a pasada semana e que supón un reforzo das medidas de inclusión social adoptadas por outras administracións. Inclúese así o novo catálogo de prestacións e medidas, no cal figura, entre outras, a renda de solidariedade activa.

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, indicou que esta nova ordenanza supón a reformulación do regulamento existente dende 2004, que tiña como principal medida contra a pobreza e as insercións as chamadas Mapis (Medidas de Apoio para a Prevención e a Inclusión Social). Así, "tendo en conta que un número importante de persoas esgotan as prestacións contributivas por desemprego e os subsidios posteriores, o que provoca un maior risco de pobreza e de exclusión social, articuláronse novas medidas e recursos no marco dunha estratexia integral de inclusión activa cara a unha inserción laboral efectiva", afirmou.

O catálogo de prestacións e medidas recollido na ordenanza contempla a renda da solidariedade activa, unha axuda periódica de natureza económica, para gastos asociados ás necesidades básicas e os derivados dun proceso de inclusión activa.

Tamén se inclúen axudas para afrontar situacións de risco ou de emerxencia social; así como para gastos de manutención, aloxamento, subministracións básicas, mantemento de vivendas, promoción da autonomía persoal e outras situacións que se consideren de extrema gravidade. As prestacións do catálogo complétanse coas axudas para a prevención e a inserción social do colectivo infantil e xuvenil, para o fomento da autonomía persoal de persoas dependentes ou con discapacidade ou para o impulso de proxectos formativos con fin laboral.

Lembrou o rexedor municipal que os orzamentos destinados en 2015 a este programa de medidas sociais, incluíndo tamén as subvencións nominativas a entidades sociais para o desenvolvemento de programas destinados á inclusión social de distintos colectivos, ascenden a 1.556.000 euros, dos que 600.000 euros corresponden á Renda de Solidariedade, 500.000 euros ás axudas de risco social e inserción e 456.000 euros a convenios con entidades sociais.

"Trátase dun salto non só cuantitativo senón tamén cualitativo, posto que o Concello de Santiago destina ao seu programa social un 86% mais que o pasado ano (833.000 euros), e un 278% máis que ao inicio desta lexislatura, no ano 2011 (411.000 euros)", indicou.

O obxectivo do Goberno municipal, dixo, "é poder aprobar a ordenanza no Pleno ordinario deste mes de marzo, para que entre en vigor no mes de xuño, unha vez aprobada definitivamente pola Corporación.

Documentos relacionados



Compartir: