ECONOMÍA

Aberto o prazo de inscrición para participar no programa Urbano Norte de promoción da actividade empresarial

12/03/2015 A Concellería de Economía organiza do 23 ao 27 de marzo o programa Urbano Norte de promoción da actividade empresarial. O programa está dirixido a persoas emprendedoras, emprendedores, traballadores, persoas desempregadas e veciños, que terán a oportunidade de asistir a diversos módulos formativos. Todos eles impartiranse nun autobús histórico de 25 prazas. Este programa organízase dentro do Urbana Santiago Norte, proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As actividades serán as seguintes: asesoramento sobre ideas empresariais e proxectos de investimento cada mañá, a primeira hora; módulos para aprender a emprender entre as 11:00 e as 12:00 horas; micro charlas de talento social e directivo de 12:00 a 13:00 horas; rutas de análise de mercado polo territorio Urbano Norte de 16:00 a 17:00 horas; sesións de contacontos sobre mercadotecnia, xestión do tempo e estratexia de 17:00 a 18:00 horas; dinámicas de competición, isto é, competencia cooperativa, cada tarde de 18:00 a 19:00 horas; e cursos de compatibilidade para socia/os entre as 19:00 e 20:00 horas.

As sesións formativas impartiranse nun autobús adaptado as características do proxecto e as necesidades dos cursos. O autobús percorrerá o ámbito de actuación do proxecto Urbana Norte de tal xeito que, ao mesmo tempo que se amosan os contidos teóricos da formación, tamén se pode ir vendo a súa posible aplicación práctica en zonas concretas da cidade. O percorrido do autobús tamén servirá para amosar as posibilidades de emprendemento nos diferentes barrios e rúas.

O autobús do Urbano Norte trazará o seguinte percorrido: Estación de Autobuses- San Caetano - avenida de Castelao - Vista Alegre - rúa do Avío -rúa Gumersindo Busto Villanueva - rúa Ulpiano Villanueva - avenida Burgo das Nacións - Xoán XXXIII - avenida de Coímbra - San Roque - Rodas - Porta do Camiño - rúa de San Pedro - Belvís - Quiroga Palacios - avenida de Lugo - Concheiros - Angustia - Bonaval - rúa Ramón del Valle-Inclán - San Roque - Rodas - Porta do Camiño - rúa de San Pedro - Concheiros - Rodríguez de Viguri - Salgueiriños - San Caetano - Estación de Autobuses.

A inscrición realizarase na web informativa do programa www.urbanonorte.com. Nesta web, seleccionando o perfil de "público tipo" na pestana "A miña ruta", pódese reservar praza nas distintas actividades formativas. O programa pecharase o venres 27 de marzo, ás 19:00 horas, no Museo do Pobo Galego, cunha dinámica final na que participarán todos os formadores do proxecto.

Compartir: