PROMOCIÓN ECONÓMICA

Chuvia de novas empresas ao abeiro do proxecto Equal Compostela Social

14/09/2006 O proxecto Equal Compostela Social comeza a recoller os seus froitos. Logo dun ano de execución, o número de empresas xa creadas ou a piques de comezar a súa actividade chega ás 16, todas elas asentadas na cidade de Santiago e a súa área de influenza.

Desde empresas relacionadas co sector téxtil (deseño de moda, patronaxe informatizada, arranxos de costura e unha tenda de lencería) ata outras vinculadas ao mundo da arte ou a cultura (unha academia de pintura, un estudio fotográfico e unha empresa de xestión cultural), pasando por outras integradas no sector da hostalería e a restauración (un servizo de catering e un local de copas), as iniciativas postas en marcha abarcan unha amplísima oferta de actividades.

O abano complétase coa creación dunha axencia inmobiliaria, un servizo de cobro a morosos, unha representación comercial, unha empresa de pintura e decoración, e unha serie de proxectos vinculados á mellora da calidade de vida: un gabinete psicopedagóxico, un centro de masaxes e unha escola de aprendizaxe e desenvolvemento persoal. Todos estes proxectos teñen xa forma legal, e só algúns deles están pendentes de iniciar a súa actividade unha vez rematen as obras de acondicionamento dos locais nos que se ubicarán.

Cabe destacar o feito de que a práctica totalidade destas iniciativas foron postas en marcha por mulleres. Concretamente, 14 das 16 iniciativas xa consolidadas teñen a unha muller como responsable (unicamente o axente comercial e mais a empresa de pintura e decoración son proxectos postos en marcha por homes), o que dá idea do espírito emprendedor deste colectivo, no que as dificultades de inserción laboral por conta allea son maiores ca no caso dos homes.

Desde o proxecto Equal tamén se xestionou a cualificación de Iniciativa Local de Emprego (ILE) para oito dos proxectos que se están a desenvolver, obténdose para todos eles a concesión desta acreditación, que dá acceso ao financiamento parcial dos custos necesarios para a posta en marcha destas iniciativas.

O remate do proxecto está previsto para novembro de 2007, polo que aínda queda máis dun ano de prazo para que sigan consolidándose iniciativas empresariais xurdidas desde Equal Compostela Social. O obxectivo inicial marcado polos responsables do proxecto sitúase en 50 empresas creadas ao seu remate, polo que a evolución actual está dentro dos parámetros previstos, tendo en conta que a aparición de novas empresas irá incrementándose a medida que se achegue o final do período de execución.

Agrupación de desenvolvemento

A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Santiago é a entidade coordinadora do proxecto Equal Compostela Social, que botou a andar en 2005 co obxectivo de fomentar o autoemprego na comarca de Santiago, mediante a creación de empresas por parte das persoas que participan no proxecto como colectivo usuario.

Ademais do Concello de Santiago, conforman o proxecto os demais Concellos da comarca de Compostela (Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra), a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Santiago, a Cámara de Comercio da cidade, a Plataforma polo Emprego e Cogami.

Beneficiarios do proxecto

Os beneficiarios que recibirán atención e asesoramento a través do proxecto ascenden a 200, procedentes de tódolos concellos da bisbarra; a súa selección faise atendendo principalmente á súa pertenza a un ou varios dos colectivos con maiores dificultades de integración laboral: mulleres, persoas desempregadas de longa duración, inmigrantes ou emigrantes retornadas e retornados, xoves sen emprego anterior... Tamén se ten en conta na escolma a viabilidade dos proxectos presentados e o carácter emprendedor da persoa aspirante a formar parte do proxecto.

A parte teórica constitúese a partir de catro módulos cunha duración conxunta de 200 horas, e nos que o alumnado recibe formación en cuestións coma modelos de xestión empresarial, marketing, diagnose empresarial ou habilidades sociais. Os cursos impártense tanto en Santiago de Compostela como en cada un dos Concellos que participan no desenvolvemento do proxecto, e cada asistente percibe unha prestación económica pola súa asistencia.

No caso de Santiago, os cursos teñen lugar na sede da Cámara de Comercio, e ademais dos módulos propiamente ditos, os alumnos completan a súa formación con charlas impartidas por profesionais do sector, expertos en inserción laboral ou emprendedores que no seu momento puxeron en marcha as súas propias iniciativas empresariais. Recentemente rematou a segunda fase de formación do proxecto, e prevese o comezo dunha terceira para primeiros de outubro.

Un novo xeito de facer prácticas

Unha vez rematada a fase de formación, comeza o denominado mentoring, que consiste na presenza física da alumna ou alumno nunha empresa xa constituída e pertencente á área na que se pretende poñer en marcha a iniciativa de autoemprego, para observar en primeira persoa como é o traballo cotián nunha sociedade, consultar cos responsables as dúbidas que poidan xurdir e acumular unha experiencia que será logo aplicable á hora de crear a nova empresa. Ao contemplarse tres edicións consecutivas, mentres algúns participantes xa remataron a fase de mentoring, outros están aínda asistindo á formación teórica.

As responsables do proxecto (un equipo multidisciplinar composto por catro mulleres) son as encargadas de impartir os cursos e de contactar coas empresas nas que logo se realizará a fase de mentoring. Das doce persoas que cursaron a parte teórica nesta segunda fase que vén de rematar, nove amosaron o seu interese en completar a súa formación por esta vía. Ademais, cada alumno pode solicitar titorías individuais nas que ir perfilando o seu proxecto, e durante os primeiros tempos de actividade da empresa as responsables de Equal Compostela Social seguen de preto a evolución da iniciativa, colaborando cos emprendedores en todo aquilo no que precisen.

Existen tamén axudas económicas para a posta en marcha das iniciativa. Ademais dunha subvención directa de ata 4.800 euros, calquera participante pode optar á concesión de microcréditos de baixo interese en Caixa Galicia (outra das entidades membro da agrupación de desenvolvemento) e avalados polo propio proxecto, ademais de todas as achegas económicas que poidan acadar pola súa conta. As responsables do proxecto fan tamén un acompañamento durante os primeiros tempos de existencia da empresa, para colaborar no seu asentamento definitivo.

Compartir: