CONSORCIO

Expertos europeos avanzan en Santiago na creación dunha ferramenta de mellora da sustentabilidade enerxética dos barrios

12/03/2015 O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo FASUDIR (Friendly and Affordable Sustainable Urban District Retrofitting), centrado en lograr a eficiencia enerxética dos edificios e barrios das cidades de Europa. No marco desta iniciativa, estes días reúnense en Santiago os socios do proxecto, dende o mércores ata este venres, no Centro de Estudos Avanzados. A cidade compostelá intervén neste programa como caso de estudo.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio que coordina este proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que comezou en setembro de 2013 e concluirá a finais de agosto de 2016. Está integrado por 11 socios de cinco países diferentes: España, Italia, Gran Bretaña, Hungría e Alemaña. Entre os tres socios que participan por parte de España está o Consorcio de Santiago. Cada semestre ten lugar unha reunión de coordinación xeral, de cara a programar os sucesivos meses de desenvolvemento do proxecto.

O obxectivo principal do programa é crear unha ferramenta web que facilite a toma de decisións á hora de seleccionar a estratexia de rehabilitación enerxética máis axeitada a cada contorno urbano. A finalidade é mellorar a sustentabilidade de todo un barrio ou distrito urbano, a través de intervencións tanto nos edificios como nos espazos públicos.

A ferramenta aplicarase en tres casos de estudo concretos que permitirán contrastar e validar o programa en áreas urbanas diferentes. Seleccionouse a cidade de Santiago de Compostela, xunto con barrios de Frankfurt (Alemaña) e Budapest (Hungría), de características moi distantes ao tecido histórico compostelán.

Nesta xuntanza avanzarase nos tipos de datos que se van recompilar nos casos de estudo. Así, abordaranse aspectos relativos ao consumo de gas, electricidade e auga; para o que se están a comparar diferentes tipos de tecido urbano, de edificación ou de superficie das vivendas. Tamén se ten en conta o espazo público e as zonas verdes públicas e privadas; neste caso analízanse variables como a enerxía aportada pola exposición ao sol ou o clima propio de cada lugar.

Visita pola cidade histórica compostelá
Durante este encontro realizarase unha visita pola cidade histórica de Santiago de Compostela, este xoves pola tarde. Os participantes farán un percorrido pola zona seleccionada como caso de estudo dentro deste proxecto europeo. Partirán do Centro de Estudos Avanzados ás 18:00 horas e visitarán as rúas de Salvadas, Castiñeiro e Pelamios. "É unha área con moitos tipos de vivendas diferentes, históricas, do século XX, edificios de uso universitario… cunha variedade tipolóxica edificatoria moi alta e tamén con moito espazo verde", explica a arquitecta Idoia Camiruaga.

Direccións relacionadas



Compartir: