ECONOMÍA

Os afeccionados ás caravanas teñen unha cita esta fin de semana en Área Central

12/03/2015 O Concello de Santiago colabora coa II Feira Caravana Compostela, que se celebra dende este venres 13 ata o domingo 15 en Área Central. A titular de Economía, Reyes Leis, presentou este evento, que reunirá na Praza de Europa uns cincuenta vehículos, entre caravanas, autocaravanas e carros-tenda, das empresas máis importantes e das marcas principais do sector da caravana de Galicia. O seu horario será de 11:00 a 20:00 horas durante os tres días.

Área Central celebra a segunda edición deste evento, tras o éxito conseguido na primeira edición en 2014. En colaboración co Concello, Alcampo, Galimerca e Patrimonial Raíces, a II Feira Caravana Compostela ten como obxectivo promover a práctica do cámping e a caravana e ser unha plataforma comercial e de divulgación desta práctica de ocio familiar e en contacto coa natureza para os seus usuarios habituais. Este evento tamén pretende servir para descubrir o autocaravanismo entre as persoas que non a coñece esta forma de ocio apta para todos os presupostos.

Entre as empresas máis destacadas que confirmaron a súa presenza eses tres días en Area Central figuran Yakart Centro Caravaning, Galicia Caravana, Caracol Park, Caravanas Juan e Caravanas Mallón, entre outros. Na II Feira Caravana Compostela exhibiranse varios modelos de marcas líderes como Dethleffs, S-Light, Bürstner, Adria, Benimar, Knaus, Elnagh, Fendt,Caravelair, Challenger, Across Car, McLouis, Carado ou Hobby.

Nestes tres días, os visitantes de Area Central poderán coñecer de primeira man as marcas máis representativas da caravana e ver as diferentes distribucións e características que ten cada vehículo para adaptarse ás necesidades de cada un. Os profesionais dos distribuidores asistentes orientaranos sobre o vehículo que máis lles convén e que fará cambiar a súa forma de viaxar e de planificar as súas vacacións. Nesta feira, os interesados poderán visitar os modelos clásicos das caravanas, pero tamén terán a oportunidade de coñecer os interiores de vehículos novidosos.

Impacto económico do autocaravanismo
O autocaravanismo é unha alternativa á hora de realizar turismo e abarca diferentes actividades económicas como a comercialización e distribución de vehículos de ocio, cámpings, accesorios, etc. Ademais, supón un grande impacto económico para o turismo da cidade onde se sitúan os autocaravanistas, beneficiando a varios sectores como a hostalería e o comercio.

XV Mercado da Chuvia
Ademais da II Feira Caravaning Compostela, este sábado, como todos os segundos sábados de mes, celébrase nos corredores de Area Central unha nova edición do Mercado da chuvia, que contará coa participación de máis de 50 artesáns. Como complemento aos postos de venda de artesanía, os visitantes de Area Central disfrutarán, tanto pola mañá e pola tarde, de varias actividades pensadas para todos os públicos, como actuacións musicais, contacontos e obradoiros creativos.

Compartir: