NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello pon en marcha o II Concurso de Vídeo-Creación para centros de ensino

11/03/2015 O Concello de Santiago ven de poñer en marcha o II Concurso de Vídeo-Creación para centros de ensino, coa finalidade de achegar a toda a comunidade educativa argumentos positivos para o uso da lingua galega a través das canles e linguaxes que gozan de maior atracción nestes momentos, como é o caso do audiovisual.

Con esta iniciativa preténdese contribuír á difusión dos traballos audiovisuais, que se realizan no ámbito escolar sobre a difusión da lingua galega así como incentivar a realización de novos proxectos audiovisuais en torno á normalización da lingua.

Poderán participar neste certame todos os centros públicos e privados de toda Galicia, que impartan educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e secundaria postobligatoria.

Os centros deberán presentar traballos audiovisuais nos que participe o alumnado e traten da promoción do uso da lingua galega, con calquera enfoque ou xénero e cunha duración máxima de dez minutos. Como novidade este ano, os vídeos deberán estar vinculados dalgún xeito a Santiago de Compostela.

Haberá dous tipos de premio: o que concede o xurado, un por cada unha das catro categorías (infantil, primaria, secundaria obrigatoria e secundaria postobrigatoria) e o que concede o público, que poderá visionar os traballos a través da rede. Ambos están valorados en 400 euros.

O xurado, conformado por especialistas nos ámbitos do ensino, a normalización lingüística e o audiovisual, valorará a orixinalidade, a creatividade, a calidade artística, a calidade técnica e a eficacia comunicativa das obras presentadas.

Os centros interesados en participar neste certame deberán entregar no Rexistro Xeral do Concello unha copia do audiovisual, que deberá estar en soporte dixital, acompañado da ficha de inscrición e unha relación de todas as persoas que participan no proxecto. Ademais, deberá enviarse unha copia da peza e da ficha de inscrición ao enderezo electrónico do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago (dlg@santiagodecompostela.gal)

O prazo para entregar os traballos remata o 2 de maio de 2015.

Documentos relacionados



Compartir: