CONSORCIO

Un grupo de persoas con autismo e discapacidade intelectual asistiu aos ensaios da Real Filharmonía de Galicia como terapia

10/03/2015 Un grupo de persoas con autismo integradas no centro de día que ASPANAES (Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da Provincia da Coruña) ten na localidade compostelá de Villestro asistiron aos ensaios da Real Filharmonía de Galicia. A orquestra, que esta semana ofrecerá dous concertos en Santiago e Pontevedra baixo a batuta do mestre Antoni Ros Marbà, convida unha vez máis a este colectivo para contribuír á súa mellora a través da música.

Nesta ocasión foron 14 os usuarios do centro, acompañados de varios profesionais, que tiveron a oportunidade de vivir esta experiencia coa Real Filharmonía. Trátase de persoas adultas, con idades comprendidas entre os 16 e os 46 anos, que padecen autismo unido a unha discapacidade intelectual moi severa.

Tal como explica o director do centro, Raúl Crespo, "nós entendemos a atención terapéutica a estes pacientes non só como unha mera intervención, senón tamén como unha mellora da súa calidade de vida, polo que é fundamental a súa integración en actividades comunitarias como pode ser un concerto. E escoitar á orquestra representa ademais un momento de relaxación para eles".

O musicoterapeuta que colabora co centro, Tomás Rábanos, sinala que "en xeral, a música é moi positiva para persoas que sofren algún trastorno do espectro autista porque lles abre canles de comunicación, anímaos a ter vontade propia, convídaos á concentración e favorece a súa psicomotricidade".

O terapeuta salienta que estas sesións coa orquestra, aínda que só se limitan a escoitar, favorecen que estean interiormente activos. "Permítelles traballar a atención, a actitude e o seu autocontrol como espectadores. É un adestramento para a vida real, para que saiban comportarse no seu tempo de lecer e non teñan problemas de conduta", apunta.

Compartir: