ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca que o Bosque de Galicia permitirá integrar en Compostela a contorna da Cidade da Cultura

10/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou nunha visita á plantación do Bosque de Galicia xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Durante o acto, destacou a función ecolóxica que a plantación vai xogar para as Brañas de Sar e para Santiago, así como a accesibilidade que permitirá ao Gaiás coa súa rede de camiños, integrando a contorna do complexo cultural na cidade.

Agustín Hernández incidiu en que o Bosque de Galicia vai estar formado por especies autóctonas, cumprindo unha importante función ecolóxica, ao incidir sobre flora e fauna no contorno, na conservación de solos e na regulación do ciclo hidrolóxico da cabeceira do Sar. As súas 24 hectáreas, onde se prevén máis de 9.000 árbores, equivalen a tres veces a superficie da Alameda de Santiago.

Ademais, destacou que o Bosque, coa súa rede de camiños, facilitará a accesibilidade ao monte Gaiás, abrindo a zona para actividades deportivas e de lecer en íntimo contacto coa natureza. Deste xeito, dixo, a contorna da Cidade da Cultura quedará plenamente integrada na cidade.

Cómpre lembrar que no pasado mes de febreiro, o Concello cedeu unha parcela municipal de 2,2 hectáreas, nas proximidades do Multiúsos de Sar, para engadila a este actuación de limpeza, roza e plantación de especies autóctonas (entre outras, carballos, castiñeiros, bidueiros, acivros, abeleiras, érbedos, teixos ou faias).

Plantacións
Os labores de limpeza e plantación comezaron en setembro, uns días despois da súa presentación e a cifra de árbores plantadas, unhas 4.000, aproxímase á metade das previstas, máis de 9.000.

Entre febreiro e abril, agás durante a Semana Santa, os cidadáns poden participar na plantación a través dun programa que permite tamén percorrer e coñecer a zona.

Compartir: