SEGURIDADE E MOBILIDADE

A Policía Local realiza unha campaña de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil

09/03/2015 A Policía Local de Compostela participa na Campaña de vixilancia e control do uso cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico e que terá lugar do 9 ao 15 de marzo.

Durante unha semana e co obxectivo de influír naqueles condutores ou ocupantes de vehículos que aínda non fan uso deste dispositivo de seguridade, a Policía Local súmase a esta campaña, intensificando os controis en distintos puntos da cidade e a diferentes horas, incidindo tanto no uso correcto dos sistemas de retención infantil como de todos os usuarios dos vehículos, os cales deben de levar o cinto de seguridade correctamente abrochado.

Segundo os estudos, os uso do cinto de seguridade nos vehículos, reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. O cinto de seguridade e o airbag están pensados para funcionar de forma complementaria.

Non o utilizar nos asentos traseiros supón un gran risco. Nun impacto frontal, a probabilidade de que un ocupante dos asentos de atrás golpee mortalmente outro pasaxeiro dos asentos de diante pode ser ata oito veces maior.

En relación aos sistemas de retención infantil, a Policía Local de Santiago lembra unha serie de comportamentos seguros:

- Ata os 1,50 m é recomendable que os menores sigan utilizando S.R.I homologados ao seu talle e peso.
- En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.
- Se a banda do ombro toca o colo ou pasa baixo o queixo, o neno debe seguir utilizando un asento elevador.
- Nunca se debe ir coa banda debaixo do brazo ou detrás das costas.

Cómpre salientar que, ao longo do ano 2014, segundo datos extraídos de campañas realizadas na nosa cidade por este mesmo motivo, foron controlados 2.831 vehículos, nos cales 28 condutores (un 0,99%) non usaban cinto. En canto aos ocupantes maiores de 12 anos, foron denunciados 10 dun total de 1094 persoas (un 0,91%). En canto ao uso dos sistemas de retención infantil, nos controis realizados durante esta mesma campaña non foron detectadas infraccións ás normas de seguridade viaria.

Sanción de 200 euros e perda de tres puntos
A normativa aplicable corresponde ao Real Decreto Lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, polo que se aproba o articulado da Lei sobre Tráfico e Circulación de Vehículos a Motos e Seguridade Vial, e ao Real Decreto 1428/2003, do 21 de novembro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación. A infracción supón unha sanción de 200 € e a perda de 3 puntos do permiso de condución.

O condutor do vehículo o responsable do uso axeitado dos sistemas de retención infantil de todos os pasaxeiros menores de idade. Os artigos 69.1 e 11.4 da Lei de Tráfico e Seguridade Vial establecen que o condutor do vehículo é responsable da non utilización dos sistemas de retención infantil, salvo no caso dos condutores profesionais.

Non levar posto o cinto de seguridade é, xunto coa velocidade e conducir baixo os efectos do alcohol, un dos principais factores na causa de lesións. "Abrácese á vida, use o cinto de seguridade", é o lema da campaña.

Compartir: