ALCALDÍA

Máis de 4.000 persoas achegaron as súas fotos para compoñer un mural dedicado ás mulleres de Compostela

08/03/2015 Co descubrimento dun mural fotográfico concluíu a campaña Mulleres, todas somos protagonistas, posta en marcha pola Concellería de Servizos Sociais con motivo do Día Internacional da Muller. O alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a concelleira de Servizos Sociais, María Corral; e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, presidiron este acto na praza do Obradoiro, que contou coa presenza da actriz compostelá Nerea Barros.

Máis de 4.000 persoas responderon á iniciativa da Concellería de Servizos Sociais a través de internet e das redes sociais e facilitaron as súas fotos, dedicadas a unha muller especial nas súas vidas. Con elas fíxose a composición descuberta no Obradoiro e que pasara a estar exposta de forma permanente na Cidade da Cultura.

"É unha fermosa maneira de plasmar graficamente a importancia da achega individual para lograr un gran resultado colectivo", indicou o alcalde a propósito deste mural. Neste sentido, afirmou que "é o mesmo que debemos facer cada un de nós, para que entre todos consigamos cada día unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis unida, na que as mulleres ocupen o lugar relevante que dende sempre, e sen a penas recoñecemento ningún, teñen desempeñado".

Agustín Hernández fixo un percorrido polo papel das mulleres ao longo da historia, dende aquelas que "viviron en gran medida silenciadas e ignoradas na vida pública" a aquelas que "comezaron a redimirse a partir do século XIX con figuras claves no noso país como Concepción Arenal, Juana de Vega, Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, pioneiras do movemento feminista que comezaría a desenvolverse no pasado século".

Hoxe, dixo, "os gobernos e as institucións están a intensificar nas súas políticas e nas súas actuacións a perspectiva de xénero. Para iso, vénse desenvolvendo unha xestión transversal, que procura unha maior integración laboral, a conciliación familiar e, en definitiva, un conxunto de medidas que sitúan o principio de igualdade como un obxectivo ao mesmo tempo necesario e irrenunciable". "Así o tratamos de facer dende o Concello, a través dunha unidade e dun servizo específico, e a través do exemplo diario da Corporación e do Goberno municipal, engadiu

O alcalde tamén tivo palabras de recoñecemento para a compostelá Nerea Barros, quen "é xa, polo seu traballo no ámbito sanitario e polo premio Goya que recoñece a súa calidade como actriz, un modelo a ter presente para contrastar a valía feminina e, neste caso tamén, o compromiso e a colaboración coas iniciativas sociais".

Agradeceulle a súa presenza no acto e a súa achega, que "axudan a amplificar esta campaña para poñer en valor a contribución social da muller e a concienciarnos sobre a importancia da educación e da convivencia en igualdade".

Nerea Barros asinou no Libro de Honra xunto coa súa parella, Juan Ibáñez, e recibiu do alcalde como agasallo unha pequena escultura obra de Ramón Conde. Tamén asinaron no Libro de Honra as tres homenaxeadas.

Compartir: