SEGURIDADE

A vixilancia nocturna verase reforzada os xoves, venres e sábados

14/09/2006 O encontro que mantiveron o alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo e o novo comisario xefe da Policía Nacional de Santiago, José Luis Fernández, serviu para poñer de manifesto que a colaboración entre o Concello e o Ministerio de Interior, entre a Policía Local e a Nacional, segue a producir bos resultados para Compostela e os seus habitantes.

Tratouse dun encontro protocolario de presentación do novo comisario xefe, no que se puxeron enriba da mesa as principais preocupacións no ámbito da seguridade. Unha delas é o problema de convivencia que xera o fenómeno da "movida", que sen chegar a ser grave, "require esforzo", tal e como salientou o rexedor compostelán. Neste senso, o comisario anunciou un reforzo en tódalas franxas horarias e unha vixilancia especial durante as noites dos xoves, venres e sábados, desde as 12 da noite ás 8 da mañá, cunha patrulla máis polas rúas da cidade. Ademais, Policía Local e Nacional poñerán en marcha en vindeiras datas, un dispositivo coordinado especial nas zonas de ocio.

No que se refire á delincuencia, Xosé A. Sánchez Bugallo, asegurou que se seguirá mantendo a presión constante para que Santiago continúe sendo unha das urbes co índice de delictos máis baixo de toda España.

Compartir: