ALCALDÍA

O alcalde destaca ante os axentes de viaxes a "ampla oferta turística, apta para múltiples segmentos", de Santiago de Compostela

07/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu no Palacio de Congresos á inauguración da VIII Convención de Axencias Asociadas Team Group. Ante os profesionais deste sector, reivindicou a ampla oferta turística de Compostela.

Agustín Hernández agradeceu a elección de Santiago para esta convención ao Team Group e aos seus asociados, integrantes dunha profesión, a de axentes de viaxes que "soubo afrontar os retos do sector, aproveitando a combinación de trato persoal e de adaptación ás novas tecnoloxías, para ofrecer o servizo e a información especializada que o consumidor, cada vez máis, demanda".

Destacou que, máis alá da meta dun camiño de peregrinación, "Santiago é un destino cunha ampla oferta turística, apta para múltiples segmentos". Así, dixo, "temos patrimonio, cultural, natureza, historia, tranquilidade, seguridade e gastronomía".

A cidade, insistiu, "ofrece infinitas sorpresas en cada recuncho da súa traza urbana que só un viaxeiro atento pode descubrir e valorar" e é "un punto de partida inmellorable para percorrer a variedade de paisaxes que Galicia presenta, dende o litoral das Rías Baixas ata a beleza interior de zonas como a Ribeira Sacra".

Por este motivo, animou os asociados de Team Group a aproveitar o seu tempo libre para descubrir "todo o que pode ofrecer Santiago: proximidade, calidade, prezo e unha cidade hospitalaria e chea de posibilidades". Neste sentido, o alcalde amosouse convencido de que os asistentes serán, tras a convención, "os nosos mellores embaixadores".

Compartir: