CULTURA

Teatro, música e humor na programación cultural para esta fin de semana

06/03/2015 A programación cultural para esta fin de semana ofrece música, teatro e humor con eventos de distintos ciclos. Sábado teremos teatro do Bono de Teatro Galego con Psicópata na Zona C e Juntos y separados do ciclo Teatro 2015 no Auditorio Abanca; e cita con Falabaratos, que nos trae ao Teatro Principal o Cómicamente de Alex Clavero, Sara Escudero e David Amor. Domingo, nova función de Psicópata na Zona C e concerto de Eli "Paperboy" Reed Trío na Sala Capitol dentro do ciclo Sons’15.

Psicópata é unha comedia negra sobre a falta de empatía, sobre o ascenso ao poder dos que non teñen escrúpulos e sobre o propio lado escuro que todos levamos dentro. Suspense, interactuación co público, vídeos, cancións, humor gráfico, gore, playmobils, dj, provocación, efectos especiais, un pouco de terror e, sobre todo, humor negro...

Germán Serra é un verdadeiro monstro. Coñecido coma o "artista do cúter", deixou un regueiro de asasinatos e pezas de arte con cadáveres que o fixeron famoso. Despois de dez anos en cadea, accedeu a realizar unha serie de performances organizadas por Institucións Penitenciarias para reducir a súa condena. Leva unha década sen matar, pero hoxe pode ser diferente...

A cita con Psicópata, incluída no Bono de Teatro Galego é o sábado ás 20:30 ou o domingo ás 18:30 horas, na Zona C. As entradas teñen un prezo de 8 euros e poden collerse co Bono de Teatro galego e Portugués. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro principal (de 18:00 a 21:00 horas) ou na propia Zona C dende unha hora antes de que comece o espectáculo.

Clavero, Escudero e Amor en Falabaratos
Este sábado, ás 20:30 horas, chega ao Teatro Principal o espectáculo Cómicamente. Ofrece a oportunidade ao espectador de ver sobre un mesmo escenario a humoristas de diferentes estilos, co obxectivo de reunir nunha mesma cita, artistas con diferentes enfoques á hora de facer comedia. Para esta primeira ocasión e baixo a premisa de ofertar unha proposta fresca, divertida e de calidade, presentamos este evento que conta con algún dos novos talentos do humor, que nos presentarán fragmentos dos seus mellores monólogos.

Así, para esta edición de Cómicamente, reúnense sobre o escenario Sara Escudero, gañadora do último certame de El Club de la Comedia, e actualmente presentadora no programa de La Sexta Zapeando, Alex Clavero, un dos grandes talentos da stand-up comedy en España, e a David Amor, que na última edición de El Club de la Comedia logrou gañar o agarimo do público, para converterse no segundo humorista máis votado por diante de figuras do humor consagradas.

As entradas teñen un prezo de 15 euros (10 € no anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro principal de 18:00 a 21:00 horas, en entradas.abanca.com e no 902 434 443.

Juntos y separados no Auditorio Abanca
Juntos y separados é a máis recente adaptación de texto de Ángel Fernández Montesino. Estreado en Francia, conta como unha vez máis a casualidade intervén e decide que unha parella que vivía coa completa seguridade de non volver a encontrase, volva reencontrarse. Os dous con distintos caracteres, estilos, e afeccións, pero a pesar de todo e do seu carácter independente, o tempo e os seus ritmos uniraos. O texto orixinal é de Francois Dorin e os protagonistas son María Fernanda D’ocón e Carlos Manuel Díaz.

A función será este sábado, ás 20:30 horas, no Auditorio Abanca. As entradas poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443 a un prezo de 18 euros (patio de butacas A e anfiteatro 1); 16 euros (patio de butacas B) e 14 euros (anfiteatro 2). O mesmo día do evento poderán mercarse tamén no despacho de billetes do Auditorio Abanca dende as 18:30 horas.

Eli ‘Paperboy’ Reed Trío en Sons’15
En 2004, Eli "Paperboy" Reed meteuse con dous amigos nun sótano-estudo coa intención de gravar esa combinación de downhome blues, rhythm&blues e soul que estiveran tocando nos clubs de Boston durante tanto tempo: 12 das 17 cancións gravadas en directo nun oito pistas e en glorioso mono conformaron o seu primeiro disco, Sings walkin’ and talking (for my baby).

Dez anos despois, as cousas mudaron e Eli "Paperboy" Reed é agora unha estrela do soul, con tres discos e centos de concertos ás súas costas por todo o mundo... Dez anos despois, os tres amigos (Eli Keszler, innovador artista da escena experimental neoiorquina, e Jake Leckie, enxeñeiro de son en San Francisco) volven reunirse para revivir e compartir con nós a maxia vivida naquel soto de Boston… E fano no Walkin‘ & Talkin’ 10th Anniversary Tour, que chega á Sala Capitol este domingo ás 19:30 horas.

As entradas para este concerto custan 17 euros anticipada e 21 euros o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00h); Ticketea, A Reixa Tenda, Miranda e en salacapitol.com.

Compartir: