XUNTA DE GOBERNO

Hernández afirma que a reurbanización de Carretas permitirá a reconversión dunha rúa con tráfico para integrala na rede peonil do núcleo histórico

06/03/2015 O alcalde de Santiago anunciou a adxudicación da obra de reurbanización da rúa Carretas, por un importe de 622.482 euros e un prazo de execución de cinco meses. Segundo explicou Agustín Hernández, esta actuación "vén a darlle resposta a unha vella demanda veciñal encamiñada á peonalización da rúa, permitindo só o acceso a residentes, mercadorías e servizos públicos".

"Esta intervención, aprobada por unanimidade pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, pretende continuar coa transformación do ámbito das rúas San Clemente, Trindade e Carretas e vincular a rúa Carretas ao entramado do núcleo histórico", indicou. Así, o pavimento será de lousa granítica ao longo dos 150 metros nos que se actuará, cunha pequena zona de transición con cantos rodados no encontro coa rúa García Sabell. Terá bolardos e aparcabicletas metálicos, alcorques de ferro fundido para o arborado, bancos de pedra e de madeira, papeleiras, unha fonte-bebedoiro e xardinería.

As obras servirán tamén para a mellora da rede de abastecemento e de saneamento, que separará as augas pluviais das fecais; mantendo o servizo de gas natural, soterrando a rede xeral eléctrica e tamén a rede de telecomunicacións, que irá por un prisma único de formigón. Instalaranse novas luminarias co mesmo formato que as existentes no núcleo histórico, con tecnoloxía led, substituíndo os cables aéreos actuais por outros soterrados.

En definitiva, apuntou o alcalde, "a rúa vai integrar a súa estética no ámbito histórico, modernizando os seus servizos e renovando o seu pavimento. A apertura da rúa García Sabell fai posible a reconversión dunha rúa con tráfico rodado para integrala na rede peonil do núcleo histórico, o que significa ampliar a identidade da tradicional zona vella ata o inicio da rúa das Hortas".

Camiño da Raxeira
A Xunta de Goberno tamén adxudicou a reurbanización do Camiño da Raxeira, nas Fontiñas, por un importe de 147.620 euros e un prazo de execución de 60 días. "A obra, incluída no plan DTC 93 da Deputación da Coruña, desenvolverase no ámbito das rúas Dublín, Raxeira, Outeiro de Sar e Londres e vai mellorar unha zona actualmente degrada, dotándoa de novos servizos na procura dunha maior humanización e calidade ambiental para a veciñanza", indicou Agustín Hernández.

A actuación contempla a urbanización do tránsito peonil transversal entre as rúas da Raxeira, Londres e Dublín. Tamén se construirá un vieiro de acceso rodado ás traseiras da rúa Raxeira e axardinarase o espazo de estancia entre a camiño da Raxeira e a rúa de Londres.

As obras completaranse coa pavimentación de calzadas, viario para uso non motorizado e espazos libres. Tamén se instalará mobiliario urbano e iluminación pública con elementos LED, e canalizaranse as redes subterráneas, de saneamento e pluviais, ademais de instalar un sistema de rego.
Reforzo do firme en Avieira (Cesar)

Outra das adxudicacións aprobadas na sesión ordinaria da Xunta de Goberno foi a das obras de reforzo de firme na vía pública de Avieira, na parroquia de Cesar, por un importe de 42.477 euros e un prazo de execución de tres meses.

Esta actuación, incluída como a anterior no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña, afecta a un treito de 1.536 metros, cun ancho de 4,5 metros, no que, ademais do tratamento bituminoso, se abrirán e limparán as gabias.

Mantemento na zona histórica
Seguindo co ámbito da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, abriuse o procedemento de contratación do Servizo de mantemento e reparación de varandas, eliminación de mobiliario en desuso, limpeza e eliminación de graffitis e limpeza e repintado de placas con nome de rúas e monumentos no ámbito da cidade histórica. Este contrato sae a licitación por un importe de 39.990 euros e con prazo ata a finalización deste ano 2015.

As actuacións atinxen ao ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica e –de forma paralela ao contrato para a mellora de pavimentos na mesma área- o adxudicatario deberá programar as actuacións a realizar de acordo coas urxencias que a Administración local lle traslade en función dos avisos e chamadas da Policía Municipal ou da propia veciñanza. Tamén se inclúe a atención a incidencias ou emerxencias para a súa inmediata execución.

Este contrato complementa o de reparación de pavimentos de intramuros que o Consorcio de Santiago adxudicou no terceiro trimestre do ano pasado, por importe de 79.134 euros.

Documentos relacionados



Compartir: