CULTURA

A compañía Derribaslapuerta presenta "Pieza teatral documental" no ciclo Danza 2015

05/03/2015 A compañía Derribaslapuerta abre este venres a programación do ciclo Danza 2015 con Pieza teatral documental. Será ás 20:30 horas no Teatro Principal e, ademais do espectáculo de danza, poderemos ver o audiovisual que prepararon xunto á produtora galega Deica. As entradas teñen un prezo de 6 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Coa compra da entrada entregarase o bono Danza 2015, co cal se poderá obter un desconto do 25% nas entradas dos vindeiros espectáculos do ciclo.

Pieza teatral documental é un evento crónica (e unha película) sobre un mundo de teatro distópico no que o público ten permitido matar en resposta a un show non satisfactorio. O traballo da nova compañía Derribaslapuerta presenta a personaxe de Gregoria, que exerce unha práctica artística de matar a outros artistas polo ben da arte...

Derribaslapuerta está formada por Esther Arribas e Matías Daporta, graduados na escola de coreografía de Ámsterdam que comezaron a traballar xuntos cando se decataron da súa querenza polo cinema á hora de crear as súas pezas coreográficas. "Derribas la puerta de entrada del cine"…

Esther Arribas e Matías Daporta crearon, en colaboración coa nova produtora cinematográfica galega Deica, unha peza de teatro de inversión na que o público se ve como protagonista do evento, participando do humor, da ficción… O público entra nun teatro a ver un evento composto por dúas pezas, pero atópanse un espazo cheo de medidas de seguridade, discursos sobre a protección dos artistas e aos actores aterrorizados pola posibilidade de ser asasinado se a obra non vai ben.

Unha vez terminada a obra, os seus actores sairán a escena para abrir unha conversación co público sobre as ideas que propón o guión e sobre a continuación do proxecto, que é esta película.

Bono Danza 2015
Este bono entrégase gratuitamente coa compra dunha localidade para calquera dos espectáculos incluídos no catálogo Danza 2015 e dá dereito a un desconto do 25% na compra da entrada (máximo de 1 entrada por espectáculo) para o resto das representacións do catálogo. O desconto do 25% no prezo da entrada poderá facerse efectivo mostrando este bono e o DNI no despacho de billetes do Teatro Principal (18:00-21:00 h, de martes a sábado) e na Zona C e no Salón Teatro os días de espectáculo. Este bono é persoal e intransferible. Non acumulable a outros descontos.

Compartir: