MULLER

O CIM organizou unhas xornadas para reforzar os vínculos entre pais e fillos

02/03/2015 A Concellería de Servizos Sociais, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organizou esta fin de semana, na Casa das Asociacións de Benestar Social en Salgueiriños, o programa Desconexión. Consiste en encontros lúdicos e terapéuticos, dirixidos a mulleres e as súas fillas e fillos menores con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, co fin de reforzar vínculos materno-filiais e socio-afectivos, reforzando o ocio e tempo libre conxunto de nais e fillos/as.

Esta actividade foi concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

En primeiro lugar, realizouse unha sesión de dúas horas de duración dirixida aos menores, para traballar áreas coma: actividades da vida diaria, a educación, o xogo, o tempo libre, a participación social...

Logo desenvolveuse unha xornada lúdico terapéutica, de oito horas de duración, enfocada a traballar coas mulleres e coas súas fillas e fillos; buscando proporcionar ferramentas de autoprotección e educación en igualdade, con puntos de encontro entre ambos que reforzaran, a través do xogo e da risa e de situacións cotiás, os vínculos socio-afectivos e materno-filiais.

O programa Desconexión contou con 40 participantes (entre mulleres e menores) seleccionados polos equipos do Centro de Información á Muller e de Intervención socio-educativa (ISE) do Concello de Santiago.

Compartir: