ALCALDÍA

O alcalde salienta o papel da EASD Mestre Mateo como canteira de artistas e grandes profesionais e como berce da sona de Santiago na aprendizaxe para a artesanía

26/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou a exposición CENTO25 sinerxias creativas. EASD Mestre Mateo (1888-2013), conmemorativa dos 125 anos da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo. Estará aberta na Casa do Cabido ata mediados do mes de xullo.

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo presenta esta mostra conmemorativa dos 125 anos do centro. A exposición, realizada polos estudantes da especialidade de Arquitectura Efémera como proxecto do curso, reúne pezas e material antigo, xunto cunha selección de obras realizadas polos alumnos nas diferentes especialidades ao longo destes anos. Así, poden contemplarse esculturas feitas en materiais diversos, pezas repuxadas, estilismos de moda, xoias, fotografías, vídeos, instalacións de arquitectura efémera e unha variedade de produtos deseñados polos alumnos. A comisaria da exposición é Conchita Viñas, profesora do centro.

Tras repasar a historia da Escola dende a súa creación en 1886, o alcalde destacou que a mesma supuxo "unha oportunidade única para moitos artesáns e obreiros da cidade e da comarca de adquirir maiores coñecementos xerais". Ademais, o centro "elevou o nivel cultural de gran parte dos seus alumnos, que serán na súa maioría os que posteriormente se converterán nos conservadores e promotores do noso legado histórico artístico".

Importante foi a colaboración da Escola de Artes e Oficios na Exposición Rexional Galega de 1909, e tamén como viveiro de artistas coma o pintor Xenaro Carrero, os escultores Xosé Eiroa Barral, Mateo Larrauri, e Maximino Magariños ou o fotógrafo Manuel Chicharro, lembrou Agustín Hernández. Tampouco se esqueceu de profesores-artistas e alumnos tan destacados coma o escultor Francisco Asorey, o imaxineiro José Rivas, a saga dos orfebres Lado e Mayer, o tipógrafo Xosé María Paredes, os irmáns Villaverde, o escultor Juan Sanmartín, os pintores Felipe Criado, López Garabal e Antonio Moragón ou o escultor Francisco Leiro, entre outros moitos.

En palabras do alcalde, a Escola é "un centro con gran tradición e arraigo non só na cidade, senón en toda Galicia" e "unha canteira de artistas e grandes profesionais que marcan coa súa pegada a evolución da arte entre nós". Grazas a eles, apuntou, "Santiago acadou sona como berce da aprendizaxe para a artesanía, cun gran número de talleres onde os alumnos comezan a poñer en práctica coñecementos e as técnicas adquiridas".

A mostra
Sobre a exposición, indicou que nela se verán "os avances no ensino de artes e oficios que esta Escola levou a cabo, non sen penurias, pero logrando sempre froitos de gran valor que están á vista. Aquí poderemos admirar dende libros técnicos e aparatos de laboratorio, pasando por algunhas maquetas de elementos construtivos realizadas por alumnos ou baleirados en escaiola, ata rematar coa parte máis novidosa e recente da Escola, a do deseño, ben sexa de moda, xoias, arquitectura efémera ou fotografía.

Finalmente, Agustín Hernández agradeceu ao Consorcio de Santiago e á Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo a súa colaboración para que "dende hoxe, esta Institución, que tanto fixo pola nosa cidade e polo noso patrimonio, sexa un pouco máis coñecida".

Compartir: