DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello renova a beirarrúa e a calzada da rúa Domingo Fontán

26/02/2015 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e o concelleiro de apoio desta área, Luis Meijide, visitaron as obras da rúa Domingo Fontán, centradas na renovación da beirarrúa e da calzada. O Concello investiu 54.851 euros nestes traballos.

Segundo explicou Teresa Gutiérrez, o tramo inicial da rúa, na esquina con Ramón Piñeiro, presentaba un importante deterioro, polo que foi preciso renovar o firme sobre o que posteriormente se colocaron novas lousas. O segundo tramo sobre o que se actuou estaba menos danado, polo que só foi preciso a substitución das lousas.

En total, interveuse sobre un tramo de beirarrúa de 86 metros de lonxitude e 3 metros de ancho. Aproveitouse igualmente para colocar correctamente seis arquetas e instalar unha nova, e para mellorar as baixantes de pluviais.

En canto á calzada, as obras afectaron a un tramo de 101 metros de lonxitude e 7 metros de ancho. O asfalto presentaba fisuras e irregularidades, que foron corrixidas mediante o fresado e a regularización do aglomerado en quente. Posteriormente, estendeuse unha capa de aglomerado de 6 centímetros en toda a calzada.

A concelleira indicou que estas obras están incluídas no plan de mantemento dos vieiros da cidade. As seguintes rúas nas que se intervirá serán Doutor Teixeiro e Xeneral Pardiñas, unha vez conclúan as actuacións de reurbanización en Carreira do Conde e Montero Ríos. Mentres tanto, realizaranse labores de mantemento.

Compartir: