CULTURA

Ariel Rot, Wöyza, Quique González, El Meister e Carmen Boza no Íntimo & Acústico

25/02/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron en rolda de prensa a programación do ciclo Íntimo & Acústico para este primeiro semestre do ano. En febreiro estará Ariel Rot; en marzo, Wöyza; en maio Quique González; e pechan en xuño El Meister e Carmen Boza. As entradas para todos os concertos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de evento, de 18:00 a 21:00 horas) e en puntos específicos para cada un deles.

Despois da xira Uno de los nuestros, na que compartiu escenario con Loquillo e Leiva, e as recentes actuacións en Arxentina e Colombia, Ariel Rot regresa para percorrer España cun espectáculo de singular formato no que presenta as súas cancións sen máis acompañamento que as súas guitarras e o seu teclado.

Só no escenario, Ariel Rot vai debullando o seu repertorio de xeito íntimo e natural, prescindindo de artificios e establecendo co público unha relación o máis próxima posible. Unha oportunidade única, en singular, de gozar dun xeito diferente dunhas cancións que forman parte da historia e do patrimonio do rock español... as nacidas do xenio, o talento e o oficio deste músico de orixe Arxentina ao longo de tres décadas: dende Tequila e Los Rodríguez ataa posterior e frutífera carreira en solitario que xa dou 11 discos (o último, La huesuda, nomeado por El País como Mellor Disco Nacional de Rock 2013).

O concerto será o 27 de febreiro, ás 21:30 horas, na Sala Capitol. As entradas poden mercarse no Teatro Principal, en Ticketea, A Reixa Tenda e salacapitol.com a 13 euros (anticipada) e 16 € o día do concerto.

Wöyza presenta Wötown o 27 de marzo na Sala Capitol. Os que xa a viron en directo saben que Wöyza é un talento en plena ebulición e resulta difícil atopar unha proposta similar á desta artista que vive e crea nas rúas de Vigo. A súa singular proposta vinculada nas súas orixes ao hip hop foise enriquecendo con todos os afluentes da música negra, soul, funk, pop, reggae, rhytm&blues…

Wöyza trae a Santiago un espectáculo orixinal no que, acompañada de excelentes músicos, reflicte a súa devoción polo soul do histórico selo Motown de Detroit. Ao tempo que entorna a súa experiencia musical e vital, a cantante viguesa plasma en Wötown unha nova liña de musicalidade, traballo e pensamento. Wöyza recibiu recentemente o premio como Mellor Artista de Músicas Urbanas nos Premios Martín Códax da Música 2014.

O concerto será ás 21:30 horas. As entradas poden mercarse no Teatro Principal, en Ticketea, Cultura Urbana, A Reixa Tenda e salacapitol.com a 7 euros (anticipada) e 10 € o día do concerto.

Carta blanca é o título da proposta que Quique González traerá ao Teatro Principal o 1 de maio. En novembro concluía a xira Soltad a los perros, de José Ignacio Lapido e Quique González, cun éxito de crítica e público que deixou a moitos seguidores con gañas de máis.

Poucas semanas despois Quique González xa se pon de novo na estrada para percorrer España cunha xira moi especial durante a que actuará en teatros e salas de aforo reducido sen máis compañía que a da súa guitarra e a súa harmónica. Carta blanca é o título dunha proposta no que o repertorio cambiará cada noite… Unha actuación en acústico hai uns meses en Málaga que se prolongou durante máis de tres horas atendendo as suxestións dos asistentes –"máxica" en palabras do músico madrileño– serviu de inspiración a esta Carta blanca (ao seu público) de Quique González.

O concerto será ás 21:00 horas. As entradas poden mercarse no Teatro Principal, en entradas.abanca.com e no 902 434 443. O prezo da entrada xeral é de 20 euros (anticipada) e 23 € o día do concerto, e as do anfiteatro a 18 € anticipada e 21 € o propio día.

El Meister é o alcume en solitario de Javier Vielba, vocalista de Arizona Baby e Corizonas, dous dos grupos máis emblemáticos e recoñecidos do actual panorama alternativo nacional. Por se o seu labor á fronte de ambas as dúas formacións non fose suficiente, o efervescente universo creativo de Javier Vielba necesita outras válvulas de escape aos seus variados proxectos musicais ou, como el gusta de chamalos, subculturais.

Cunha equipaxe mínima de guitarra, "autopercusión" e trebellos varios, El Meister ofrece algo máis... En realidade, El Meister móstranos o perfil máis próximo e sedutor de Javier Vielba, cun repertorio propio, alleo a Arizona Baby ou Corizonas, nunha simple pero magnética posta en escena onde o seu neofolk contemporáneo, humor e poder comunicativo garanten unha emocionante experiencia.

O concerto será o 3 de xuño, ás 21:30 horas, na Sala Capitol. As entradas poden mercarse no Teatro Principal, A Reixa Tenda e salacapitol.com a 8 euros (anticipada) e 10 € o día do concerto.

Carmen Boza pechará o semestre do ciclo Íntimo & Acústico o 12 de xuño, no Salón Teatro, presentando La mansión de los espejos. Xa pasaron cinco anos dende que as cancións desta moza gaditana comezaron a correr por YouTube en forma de pequenas pílulas nas que apenas se albiscaban as súas mans e a súa guitarra.

Dende daquela, un longo percorrido ata que chegou o primeiro disco financiado mediante crowfunding: case mil mecenas axudárona a financiar La mansión de los espejos, un traballo que, publicado en outubro, xa se situou entre os máis vendidos en iTunes e que agora presenta en Santiago. Todo apunta a que este será o ano da consagración de Carmen Boza, sinalada xa coma un dos nomes aos que seguir a pista os próximos meses pola prensa especializada.

O concerto será ás 21:00 horas. As entradas poden mercarse no Teatro Principal, no 902 434 443, en entradas.abanca.com e no salón Teatro o día do concerto dende as 19:00 horas. O prezo é de 8 euros (anticipada) e 11 € o día do concerto.

Direccións relacionadas



Compartir: