COMERCIO

O Concello convoca a terceira edición dos Premios ao Comercio Compostelán

24/02/2015 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou os Premios do Comercio Compostelán 2015, cos que o Concello quere recoñecer o traballo e o esforzo dos pequenos comerciantes da cidade e que se entregarán o día 8 de abril nun acto no Pazo de Raxoi. A peza conmemorativa que se entregará aos premiados seleccionarase nun concurso dirixido aos artesáns e obradoiros composteláns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía e a estudantes de formación artística regrada.

Para dar maior difusión aos premios haberá unha web propia, www.santiagocomerciodecine.com onde se poderá consultar toda a información dos premios e poderán realizarse as votacións populares. As categorías son:

Comercio de Barrio: terase en conta aqueles comercios que destaquen pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día. O comercio gañador en 2014 foi Tenda de Mascotas e Perruquería Golfo & Dama".

Comercio Agarimo: premiarase ao comercio que sobresaia pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta. En 2014 obtivo o recoñecemento La Reina de Saba.

Comercio Emprende: valorarase o espírito emprendedor dentro do comercio local (atendendo á idade do promotor, a xeración de emprego, a diferenciación, o tipo de negocio, etc. En 2014 obtivo o recoñecemento A Balea Violeta.

Comercio Innovación: recoñeceranse as innovacións aplicadas polos comercios nos seus respectivos sectores, tanto a nivel da calidade visual dos estabelecementos coma polos produtos ofertados. O premiado en 2014 foi Nippon Store.

Comercio Autor: O comercio gañador do concurso de escaparatismo de Santiago ten un Comercio de Cine. Categoría implantada no 2014. O gañador desta primeira edición foi Nuovo Varonni.

Comercio Veterano: recoñecerase a labor deses pequenos comercios familiares que desenvolven o seu labor dende hai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación os novos tempos. O comercio gañador en 2014 foi Supermercado El Dubrés.

Os gañadores dos premios de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo elixiranse mediante votación popular a través da web do concurso. Os outros catros serán elixidos por un xurado composto por representantes do Concello, as Asociacións Comerciais, a Cámara de Comercio, a Asociación de Consumidores e o Mercado de Abastos.

Os gañadores recibirán unha figura conmemorativa. Para a creación desta figura convócase tamén un concurso dirixido aos artesáns composteláns inscritos no rexistro da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e aos estudantes de formación artística regrada e cursada en centros da cidade. O xurado estará formado por representantes do Concello e das asociacións comerciais.

Compartir: