CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Consello de Centros Socioculturais reúnese no novo centro do Ensanche

13/09/2006 O novo centro sociocultural e xuvenil do Ensanche (Rúa Frai Rosendo Salvado, nº 14-16), acollerá o xoves 14, ás 18:00 horas, a reunión do Consello de Centros Socioculturais. Este centro, incorporado hai pouco á Rede de Centros Socioculturais, leva xa funcionando dende principios de verán, pero inaugurarase oficialmente entre este mes e o vindeiro.

Na orde do día da xuntanza figuran as propostas para actividades do último trimestre do 2006, as prioridades nas actuacións das programacións en cada centro e as propostas para o orzamento do 2007.

Os centros socioculturais son equipamentos de servizo público do Concello de Santiago destinados a promover o desenvolvemento integral da persoa, fomentar a convivencia e incrementar a participación veciñal. Para o seu correcto funcionamento, constituíuse un Consello de Centros Socioculturais de Santiago onde están representados os membros da corporación, os técnicos da área, os representantes veciñais e os representantes doutras asociacións. Trátase dun consello moi dinámico que quere coñecer de primeira man a realidade dos centros, pois entre as súas funcións está a de planificar as liñas de actuación da rede de centros.

En decembro de 1998 publicouse no BOP o regulamento de funcionamento da Rede de Centros Socioculturais que contempla a constitución dun órgano consultivo. O 25 de outubro de 2002 foi presentada os grupos municipais a proposta sobre o nomeamento dos cargos. Así, en febreiro de 2003 constitúese o Consello.

No ano 2005 ábrese un novo proceso de eleccións de candidaturas para as asociacións non representadas ata ese momento e a partir de aí as súas reunións véñense celebrando de forma regular e continuada. No último ano celebráronse xuntanzas o 15 de febreiro e o 7 de xuño.

Compartir: