ALCALDÍA

O alcalde expresa a gratitude e a débeda eterna de Santiago con Rosalía de Castro no 178º aniversario do seu nacemento

24/02/2015 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, presidiu na Alameda o acto de homenaxe a Rosalía Castro con motivo do aniversario do nacemento da poeta, organizado polo Concello e a Fundación Rosalía de Castro. Alí, ante a estatua da escritora, realizouse unha ofrenda floral.

"Como cada ano, o Concello de Santiago quere renovar a súa homenaxe e a súa gratitude á vida e á obra de Rosalía de Castro, que tal día como hoxe de hai 178 anos nacía neste noso Concello", lembrou o alcalde, confirmando que "o lugar de nacemento, o Camiño Novo, non podía resultar máis premonitorio para quen, andando o tempo, abriría unha época e se convertería na peza clave do Rexurdimento literario e cultural do noso idioma".

Para Agustín Hernández, "a súa obra, chea de matices e de interpretacións, segue a identificarnos e a conmovernos aos galegos e ás galegas de hoxe, como o fixo ao longo de toda a súa existencia". Destacou o alcance universal desa obra, que "ten para nós unha compoñente entrañable que xorde da súa identificación cos costumes, coas xentes e coas paisaxes das terras de Padrón e Compostela, que foron -e serán para sempre- o seu espazo vital". Neste sentido, insistiu na "débeda eterna" que Santiago ten con Rosalía de Castro, quen naceu e viviu moitos anos na cidade, na que descansa para sempre.

"Lembrar á poeta –indicou- é, en gran medida, lembrar a importancia da nosa lingua, unha lingua que ela axudou a erguer para que recuperara a súa autoestima e para que puidera converterse nun idioma pleno de vitalidade e de futuro".

Por iso, hoxe, "cando prenden as alarmas sobre o uso da lingua", este acto de homenaxe serve tamén afirmar "a convicción de que o idioma, como a obra de Rosalía, seguirá vivo mentres cada un de nós sigamos o seu exemplo de usar e dignificar a fala, perpetuando o seu legado". "Non hai mellor ofrenda para Rosalía e para o noso porvir como pobo", concluíu o alcalde.

Ademais de Agustín Hernández, participaron neste acto, entre outros, o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Varios alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro leron textos da poeta. O acto rematou coa interpretación do Himno Galego.

Compartir: