CULTURA

A Banda Municipal ofrece unha gala de zarzuela coa participación da soprano Marta Matheu e do barítono Lluís Sintes

23/02/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, presentou a gala lírica Voces de Zarzuela, que ofrecerá a Banda Municipal de Música este domingo 1 de marzo, ás 12:00 horas, no Teatro Principal, onde estará acompañada da soprano Marta Matheu e do barítono Lluís Sintes. Acompañaron a edil na rolda de prensa o director da Banda, Juan Miguel Romero Llopis, e o presidente da asociación Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro.

Neste concerto especial, incluído no seu ciclo de inverno, a Banda Municipal de Santiago réndelle un homenaxe ao xénero chico, contando coas voces da soprano Marta Matheu e do barítono Lluís Sintes, dirixidos polo mestre Juan Miguel Romero Llopis.

Tal como explicou o director da Banda, o concerto enmárcase na nova etapa da formación, na que se intentan conxugar as estreas e as novidades cos temas de sempre demandados polo público. A zarzuela é un deses xéneros, dixo, habitualmente solicitados polos que asisten aos concertos da formación no Teatro Principal ou na praza de Praterías.

Marta Mathéu é catalá e obtivo o Grado Superior de Canto no Conservatorio Superior de Música de Valencia con Matrícula de Honra. Premiada en numerosos certames nacionais e internacionais de canto obtivo, por exemplo, o Premio do Público no VII Concurso Internacional Montserrat Caballé ou o premio ao mellor cantante español, segundo premio xeral e Premio Mozart no corenta e cinco Concurso Internacional Francesc Viñas.

Lluís Sintes, mallorquino, debutou no Gran Teatre do Liceu no 1992 e dende aquela participa regularmente na programación do Auditorio de Barcelona e o Palau de la Música Catalana. Protagonizou concertos en Amsterdam Francia, Alemaña, Perú, Xapón, China ou Estados Unidos, entre outros, ademais de nos teatros de toda a xeografía española, e agora poderemos escoitalo na nosa cidade.

O concerto será este domingo ás 12:00 horas no Teatro Principal, no habitual concerto dos domingos da Banda, e o programa que interpretarán será de zarzuelas. Na primeira parte poderánse escoitar obras de Moreno Torroba, Barbieri, Serrano, Luna, e Sorozábal e xa na segunda parte de Giménez, Martínez Valls, Guerrero, Chapí, Soutullo y Wert e Bretón. Zarzuelas tan recoñecidas como La del manojo de rosas ou La Verbena de la Paloma estarán no repertorio.

A entrada será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual (de 18:00 a 21:00 horas). As entradas estarán dispoñibles a partir deste martes.

Compartir: