ALCALDÍA

O alcalde destaca o papel de liderado de Santiago no ámbito das Smart Cities

23/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou o foro Smart City: Santiago Cidade Intelixente, organizado polo grupo El Correo Gallego no Hotel AC Palacio del Carmen. Na súa intervención, explicou as acción postas en marcha polo Concello de Santiago no marco da innovación, da eficiencia enerxética e da modernización da administración e dos servizos públicos.

"O Goberno municipal ten o obxectivo de lograr unha planificación estratéxica sustentable, en sintonía co concepto de Cidade Intelixente ou Smart City, na xestión diaria das administracións locais", indicou o alcalde. Nesa dirección citou as medidas de aforro enerxético, "con efecto positivo na redución do impacto ambiental, pero tamén cun claro obxectivo de eficiencia económica no uso da enerxía".

"Santiago vai camiño de converterse na primeira Cidade Patrimonio de España en desenvolver un proxecto Smart City, polo que as nosas experiencias poderán aplicarse despois a outras Cidades Patrimonio de España e de Europa", apuntou, referíndose á participación activa en asociacións e foros específicos como a Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI); ou a Rede INNPULSO, a rede de cidades da Ciencia e a Innovación, creada por acordo do Consello de Ministros en 2010.

A cidade participa tamén no desenvolvemento de programas europeos, como o Plan para a Eficiencia Enerxética das Cidades, xunto a outros 17 socios de 13 países, de cidades, centros de investigación e empresas diferentes, co obxectivo común de lograr unha planificación estratéxica sustentable no ámbito das cidades. En palabras de Agustín Hernández, "é un plan de gran transcendencia que nos vai a permitir desenvolver nos ámbitos urbanos medidas de aforro enerxético con impacto positivo no custo ambiental, pero tamén cun claro obxectivo de eficiencia económica no uso da enerxía. A través do diagnóstico, a análise de boas prácticas e cunha metodoloxía común poderemos afrontar plans integrados que teñan en conta aspectos clave á hora de lograr a eficiencia enerxética en edificios, sistemas de enerxía, redes de auga, residuos urbanos, redes de calefacción e frío, transporte e mobilidade, vehículos ou cambio climático".

Smart iAGO
O alcalde detívose especialmente en explicar a estratexia Smart iAGO, orientada a aportar solucións tecnolóxicas que teñan en conta as particularidades diferenciais dunha Cidade Patrimonio da Humanidade. Principalmente, dixo, "trátase de afrontar retos que relacionados coas limitacións á hora de despregar nunha contorna protexida comunicacións inalámbricas non intrusivas, e lograr iluminacións eficientes integradas na paisaxe, unha xestión óptima na xestión dos residuos sólidos urbanos e unha coordinación operativa entre a cidadanía e os corpos de seguridade e urxencias".

No marco deste proxecto, Santiago está traballando coas cidades de Cáceres e Badaxoz, e mantendo tamén contactos coa Asociación Española do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, que mostraron o seu interese no desenvolvemento desta estratexia.

O proxecto Smart iAGO, subliñou, "é un proxecto ambicioso e novidoso para desenvolver tecnoloxías innovadoras, tendo en conta as necesidades concretas de xestión do Concello de Santiago de Compostela, co obxectivo de ofrecer mellores servizos aos cidadáns e que implica a un gran número de axentes do sistema de I+D+i local". O seu obxectivo final é "converter o centro histórico de Santiago de Compostela nun conxunto eficiente, intelixente e cun mellor servizo, tanto aos seus cidadáns como aos seus visitantes".

Tres son os eixes básicos deste proxecto: a captación de información, a xestión eficiente dos servizos públicos, e a sustentabilidade dos mesmos nun espazo histórico. En base a estes eixes, determináronse varios ámbitos de actuación prioritarios: a mobilidade, o patrimonio, a planificación urbana, o medio ambiente, a eficiencia na toma de decisións; a calidade de vida e a cohesión social e a administración electrónica.

Compra pública innovadora
O alcalde tamén se referiu ao concepto de compra pública innovadora, "un procedemento administrativo de contratación, polo cal o comprador público pode licitar a contratación dun produto ou servizo polos súas especificidades funcionais, que non existen no mercado e para o que é necesario desenvolver actividades de I+D", explicou, aclarando que " a CPI non é un novo tipo de contrato, senón que se utiliza os existentes (como os de obras, servizos, subministracións ou colaboración público-privada) e tampouco é unha nova forma de adxudicación dos contratos, xa que o procedemento de adxudicación segue as mesmas modalidades: adxudicación directa, negociado con ou sen publicidade, diálogo competitivo, etc".

Con este método innovador búscase unha mellora dos servizos públicos, o fomento da innovación no tecido empresarial e o apoio á internacionalización das empresas. Para Agustín Hernández, "esa capacidade de influír na economía local é o que fai que este mecanismo sexa de gran interese para Santiago de Compostela e a súa área, onde desenvolven a súa actividade importantes empresas e entidades vinculadas coa tecnoloxía e coa innovación que poden así achegar solucións e abrir novas vías de negocio".

Tamén no marco da filosofía Smart iAGO, o Concello traballa noutros campos, como o da mellora da eficiencia enerxética, con accións como a instalación de reloxos con programación astronómica para a activación da iluminación pública ou o cambio progresivo das luminarias de rúas e prazas por outras de menor consumo. Neste eido, tamén se puxo en marcha o proxecto Zero Emissions City para analizar o comportamento enerxético dunha instalación de alto consumo como o Multiúsos do Sar e dos vehículos municipais.

Citou igualmente outros proxectos en marcha, como os de aplicacións móbiles para a reserva de estacionamento, o acceso á información sobre o transporte público ou o traslado ao Concello e en tempo real de queixas e suxestións relacionadas cos servizos públicos.

Finalmente, recordou que este esforzo do Concello no eido da innovación xa está sendo recoñecido. Como proba, o recente premio concedido a Santiago pola Rede Española de Cidades Intelixentes como Cidade da Ciencia e a Innovación 2014.

Compartir: