RELACIÓNS VECIÑAIS

"Imos coa asociación" ofrece neste 2015 nove propostas de excursións específicas para os veciños das parroquias do rural

23/02/2015 A Concellería de Relacións Veciñais promove, por cuarto ano consecutivo, o programa Imos coa asociación, que ten como finalidade poñer a disposición das asociacións de veciños do ámbito rural de Santiago unha oferta específica de excursións organizadas que faciliten o encontro e a convivencia entre a veciñanza das distintas parroquias.

Nesta ocasión son nove as propostas de excursións dun día entre as que poderán elixir as asociacións veciñais do rural. Tal como explicou en rolda de prensa o concelleiro de Relacións Veciñais, José María Rosende, estas viaxes pretenden dar a coñecer a riqueza patrimonial de Galicia e, ao tempo, fomentar a convivencia entre os veciños das parroquias de Compostela.

As alternativas do programa Imos coa asociación neste 2015 son:

01- Illas Ons (día de praia).
02- Ourense – Allariz (visita cultural e de comercio).
03- Lugo (visita cultural e gastronómica)
04- Ribeira Sacra.
05- San Andrés de Teixido e acantilados.
06- Galicia – Portugal.
07- Rías de Noia-Muros e de Arousa.
08- Visita aos Pazos da Ulla.
09- Galicia auténtica e ancestral.

Destinatarios e calendario
O programa está dirixido ás asociacións de veciños do ámbito rural inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. Só no caso de que o orzamento o permita se poderá abrir a participación a asociacións de barrios periféricos.

As excursións poderán realizarse dende o mes de maio ata novembro en calquera día da semana, agás número 8 e 9, propostas por Área Santiago para promoción turística, que unicamente se poden facer en sábado e domingo. A viaxe número 9 - Galicia auténtica e ancestral- non se poderá realizar na fin de semana do 3 ao 5 de xullo, por coincidir coa Rapa das Bestas.

As asociacións poderán gozar, como mínimo, dunha excursión. Se o orzamento o permite, poderán realizar dúas. Para a realización de cada excursión establécese un mínimo de participación de 35 persoas e un máximo de 55.

As solicitudes poderán presentarse entre o 3 ao 18 de marzo. As follas de inscrición debidamente cubertas entregaranse no rexistro do Centro Sociocultural do Ensanche, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Rematado o prazo de solicitudes, confeccionarase o calendario de excursións e, na última semana de abril, comunicaráselles a correspondente asignación ás asociacións solicitantes, a través de correo electrónico.

Financiamento municipal
O Concello financiará o 40% do gasto global de cada actividade e a asociación solicitante deberá aboar o 60% restante. No prezo ofertado non se inclúen entradas a museos, viaxes en catamarán ou calquera actividade con custo adicional, que correrá por conta dos participantes.

Só no caso das excursións 8 e 9, promovidas por Área Santiago, este Grupo financiará o 40% do gasto globais que supoñan as visitas aos pazos e monumentos incluídas en ambos itinerarios.

Compartir: