CULTURA

Teatro con "O Crédito" e "Supermarket" e concerto de José González no programa cultural da fin de semana

20/02/2015 O programa cultural do Concello de Santiago para esta fin de semana ofrece teatro e música. Teremos función de O Crédito no Teatro Principal sábado e domingo, e o mesmo con Supermarket, pero na Zona C. Ambas están dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Ademais, haberá concerto de José González o sábado na Sala Capitol e dentro do ciclo Sons’15.

O Crédito chega aos teatros galegos despois de colleitar éxito de público e crítica durante dúas temporadas en Madrid e Barcelona. En palabras do director da obra, Fernando Bernués, O Crédito chega á xente porque parte dunha situación cotiá, moi próxima ao público: o director dunha sucursal bancaria négalle un crédito a un cliente desesperado, por falta de avais. Ata aquí chegan as similitudes, porque nese momento o cliente reta ao director da sucursal e comezan a desenvolverse os acontecementos. Na obra veremos como estes dous homes se redescobren a si mesmos e dos seus conflitos internos nace un desenlace que nos deixará bo sabor de boca.

Poderemos ver esta obra no Teatro Principal o sábado ás 20:30 e o domingo ás 20:00 horas. As entradas están xa á venda, a un prezo de 16 euros (10 no anfiteatro) ou co Bono cun suplemento de 5 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Supermarket con Esther F. Carrodeguas
Por que brillan tanto as mazás? Que ten dentro o Colacao? É mellor limpar con lixivia ou con Disciclín? E sobre todo... van os ex presidentes do Goberno ao supermercado? Supermarket ofrece ao espectador 59,99 minutos de auténtico e orixinal "stand up poetry" para partirse de risa. Esther F. Carrodeguas comeza xogando ás tendiñas con cartos que son pedras para entrar máis tarde nun hipermercado e construír historias dentro dos iogures que deixarán o público cun doce sabor de boca. Poesía, bailes, erotismo, adiviñas e mesmo un superconcurso completan este espectáculo absolutamente delicioso.

A obra estará na Zona C o sábado ás 20:30 e o domingo ás 19:30 horas. O prezo de entrada é de 4,99 euros e as entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual ou na Zona C, sábado dende as 19:30 e domingo dende as 18:30 horas.

José González en Sons’15
O artista sueco José González estará presentando o seu novo e agardadísimo disco Vestiges & claws. A banda Os Amigos dos Músicos precederao no escenario.

José González despuntou mundialmente no 2004 co seu intimista debut, Veneer, no que facía gala da súa especial sensibilidade para compoñer preciosas pezas sobre o amor e outras catástrofes. No 2013 aumentou se cabe máis aínda a súa reputación mundial grazas ao éxito acadado pola súa banda sonora no filme A vida secreta de Walter Mitty, protagonizada por Ben Stiller, Sean Penn e Shirley MacLaine.

Compartir: