CULTURA

A Trova Camagüeyana trae os ritmos tradicionais cubanos ao Principal

13/09/2006 A Trova Camagüeyana chega de novo a Santiago para amosar os sons cubanos máis tradicionais. O xoves 14, ás 22:00 horas, no Teatro Principal, a agrupación pecha un periplo de dezaoito meses que os levou a diversos países europeos.

Esta formación xorde en novembro de 1994 na cidade de Camagüey (Cuba), grazas ás inquedanzas artísticas dun conxunto de veteranos músicos profesionais. Coa intención de cultivar o xénero tradicional, dende o grupo de pequeno formato, dan vida a este versátil conxunto acústico. Son sete músicos profesionais de alta cualificación que dominan diferentes ritmos musicais, como o cha cha cha, o bolero, o son, a guaracha, o danzón ou a rumba, todos eles tocados con instrumentos clásicos (contrabaixo, guitarra tres, percusión maior e menor, frauta e guitarra) e interpretados por unha variada gama de voces. Aínda que o seu forte é a trova tradicional cubana, tamén realizan incursións no folclore latino e caribeño internacional.

Dende a súa fundación realizaron varias xiras con gran éxito por México, Venezuela, Martinica e Santo Domingo. No ano 1999 dan o salto a España, a onde regresan no 2001 e 2003, ano este último, no que tras numerosas actuacións gravan o disco "Quiero Guarachar". Outros traballos seus son "Cuba Son", gravado en Francia, e "Camagüey", gravado en Cuba.

Nos anos 2004 e 2005 participan no 'Festival Son Cuba' e inician un Tour Europeo que os leva por Alemaña, Suíza, Luxemburgo, Austria, España e Portugal. Agora pechan a xira en Compostela, onde xa son vellos coñecidos por un público que sempre os acolleu con "gran cariño". Por iso, remítenlle aos santiagueses un "saúdo fraternal e sincero"
O concerto foi presentado polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Estivo acompañado por dous integrantes da trova, María Elena Porro e Guillermo Lombida Puig; polo director da produción, Ramón Lorenzo, de Astrakhan Producións Audiovisuais; e por Paula Couceiro, de Clave Records.

Compartir: