XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases das axudas para actividades comerciais en 2015

20/02/2015 As bases reguladoras das axudas para actividades comerciais neste ano 2015 contemplan unha partida de 50.000 euros, 5.000 máis que no exercicio anterior. A Xunta de Goberno aprobou o texto da convocatoria, así como a súa remisión para a publicación no Boletín Oficial da Provincia, momento a partir do cal se abrira o prazo de un mes para a súa solicitude.

Esta convocatoria anual trata de defender e promover a estrutura comercial, como sector básico e fonte de creación de riqueza e emprego. As subvencións van dirixidas a asociacións de comerciantes ou entidades representativas do pequeno e mediano comercio no municipio, para actividades de promoción e dinamización que se desenvolvan ata o 31 de novembro do ano actual.

O importe da subvención poderá acadar ata o 75% do custo máxima da acción proposta, cun límite de 28.000 euros por entidade solicitante, e poderá ser compatible con outras axudas sempre que, de forma illada ou en concorrencia con elas, non supere o custo total da actividade subvencionada.

Na valoración das solicitudes terase en conta, entre outros aspectos, a natureza e finalidade da actividades, a súa incidencia na formación e capacitación do sector, as medidas de sustentabilidade, o número de establecementos comerciais asociados ou o uso da lingua galega.

Santiago Investors Support
Tamén no ámbito da área de Economía e co fin de celebrar a edición 2015 do programa Santiago Investors Support nas instalacións da Cidade da Cultura, autorizouse a sinatura dun convenio coa Fundación Cidade da Cultura, sen custo para o Concello. Esta iniciativa integra accións relacionadas co apoio á cultura emprendedora, á creación de novas empresas e á mellora da competitividade do tecido económico local.

O obxectivo desta cita é a construción dunha axenda única para os colectivos empresariais da cidade, con actividades de formación, dinamización e información para persoas emprendedoras, traballadoras en activo e empresariado local, favorecendo a creación de espazos relacionais e de encontro que faciliten as interaccións comerciais e os encontros empresariais.

A previsión é celebrar dous encontros comerciais, un na primavera e outro no outono, no que –tendo en conta o balance do ano pasado- poderían participar unhas 300 persoas.

Documentos relacionados



Compartir: