XUNTA DE GOBERNO

O Concello prepara xa Curtocircuíto 2015

20/02/2015 Na súa sesión ordinaria dos venres, a Xunta de Goberno Local acordou iniciar os trámites ante a Deputación da Coruña para a sinatura do preceptivo convenio que permita financiar o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto 2015 e autorizar ao Auditorio de Galicia e ao seu director-xerente para levar a cabo a tramitación. En consonancia, tamén se decidiu aboarlle ao Auditorio de Galicia a subvención que se reciba por parte do organismo provincial para este fin, por importe de 112.000 euros.

Lembrou o alcalde, Agustín Hernández, que o Festival Curtocircuíto, que este ano celebra a súa décimo segunda edición, concentra a súa actividade durante unha semana do mes de outubro, tomando como sede central o Teatro Principal, co apoio a Zona C e dúas salas no Centro Galego de Arte Contemporánea. "Como en edicións anteriores, ofrecerá unha variada selección de títulos que marcan tendencia a nivel mundial, tanto en ficción como en animación, premiados nos principais festivais internacionais, como os de Sundance, Clermont-Ferrand, Chicago, New York, os premios Goya ou a Seminci de Valladolid", indicou.

A media de inscricións anuais para o Festival é de 3.000, procedentes de todo o mundo, sendo un dos maior participación en España e un dos que puntúa na cualificación para poder participar nos premios Goya da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España. A súa actividade diríxese tamén a animar e fortalecer o sector audiovisual de Galicia. Así, na edición de 2014 tomaron parte 200 traballos galegos.

O festival seguirá mantendo o seu carácter competitivo, cunha Sección Oficial na que o ano pasado participaron unhas 50 curtas; e unha Sección Paralela, que en 2014 contou con 25 traballos.

Manteranse os premios á mellor curta internacional, nacional, galega, o premio Explora, mencións especiais á mellora curta galega, dirección galega e guión galego, ademais do Premio do Público, que se outorga por votacións dos espectadores.

Xurado do VII Premio de Álbums Ilustrados
O Goberno local tamén deu o visto bo á composición do xurado do VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Estará presidido polo alcalde ou persoa na que delegue (neste caso a concelleira de Educación, Maite Cancelo) e integrado por:

- Victoria Fernández, mestra e especialista de crítica literaria infantil e xuvenil que, entre outros galardóns, recibiu en 1977 o Premio Nacional de Crítica de Literatura Infantil.
- Federico Delicado, o autor premiado na pasada edición, licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid.
- Gracia Santorum, profesora e especialista en lingua galega e, entre outras actividades, promotora de varias iniciativas para a dinamización da lectura.
- Manuela Rodríguez, profesora de Educación Infantil, en representación da editorial Kalandraka.
- Xosé Rodríguez-Abella, xefe do Departamento de Educación do Concello de Santiago.
- Beatriz Varela Morales, técnica do Departamento de Educación, en calidade de secretaría do Premio.

O Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, cuxas bases se aprobaron no pasado mes de decembro, ten previsto o anuncio do seu fallo para o mes de abril, coincidindo co mes do libro e durante unha nova edición da Campaña Municipal de Animación á Lectura. O galardón está dotado cun premio de 9.000 euros, o que o converte nun dos concursos deste xénero con maior dotación económica.

Documentos relacionados



Compartir: