NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Conto Viaxeiro promoverá por terceiro ano o uso do galego entre os máis pequenos

20/02/2015 A Concellería de Normalización Lingüística pon en marcha a creación dun conto colectivo coa participación dos centros escolares da cidade. O obxectivo deste programa, dirixido a alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria, é achegar os nenos e nenas á lingua galega e ofrecerlles argumentos positivos para o seu uso a través da participación na construción do Conto viaxeiro.

Segundo explicou a concelleira de Normalización Lingüística, María Antón, cada grupo-aula inscrito participará nunha sesión de elaboración do conto conducido por monitores, que achegarán os contidos e guiarán a construción do texto. O primeiro grupo iniciará unha historia que se irá continuando en cada unha das seguintes sesións ata completar a narración. Os/as nenos/as farán tamén cadanseu debuxo para ilustrar a parte sobre a que traballaron e elixirán cal do creados na sesión anterior vai estar no conto definitivo. Cada unha das sesións terá independencia e unidade en si mesma para traballar os obxectivos propostos.

Tomaranse fotografías das sesións e tamén se irá rexistrando en vídeo cada parte para elaborar un vídeo-conto. As fotografías, todos os debuxos, o conto ilustrado e o vídeo-conto publicaranse nun blog (contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal), que irá dando conta tamén de cada unha das sesións durante o desenvolvemento da actividade. Neste mesmo blog poderase acceder aos contos viaxeiros de anos anteriores.

O blog admite a participación de toda a comunidade escolar con comentarios ou propostas didácticas que completen as que se ofrecen dende a organización.

Unha vez rematado, o texto ilustrado publicarase en papel e enviaranse exemplares aos centros participantes para repartir entre os nenos e nenas autores do traballo e para as bibliotecas dos centros.

Inscrición
Os centros interesados en participar na actividade deben enviar cuberta a ficha anexa por correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) antes do 3 de marzo. Pode solicitarse un máximo de dúas sesións para dous grupos diferentes. En función das solicitudes recibidas e respectando a orde de entrada, asignaranse as sesións, procurando respectar as preferencias indicadas. En caso de que non poida asignarse máis dunha, elixirase o primeiro dos grupos que solicitara.

Para formar o grupo poderán xuntarse dúas aulas (do mesmo curso) sempre que o número total de alumnos/as non exceda de 35 e o centro dispoña do espazo necesario para que poidan traballar.

Para calquera aclaración, pódese contactar a través do enderezo dlg@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 409.

Documentos relacionados



Compartir: