CULTURA

"Un concerto a dúas bandas": a Banda Municipal con alumnos do Conservatorio Profesional de Música

19/02/2015 Anualmente, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela realiza un concerto no que participa alumnado do Conservatorio Profesional a modo de curso, onde os seleccionados da Banda Sinfónica e outras agrupacións do centro aproveitan a experiencia de tocar cóbado con cóbado cos músicos profesionais de dita banda. Neste curso o concerto será este venres, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia.

Abrirá o concerto a Sinfonía per banda de Amilcare Ponchielli. Nesta primeira parte debemos salientar a estrea absoluta de obra Rapa das Bestas, poema sinfónico do estradense Simón Couceiro, membro da Banda Municipal de Santiago, que recrea a rapa das bestas de Sabucedo (A Estrada) declarada Festa de Interese Turístico Internacional. Nela, o compositor emprega recursos (voz, golpes de canas, choques de cocos...) que sen dúbida fan desta unha peza moi particular.

A música de Stephen Melillo encárgase de abrir a segunda parte coa súa obra Godspeed, baseada na serie Fibonacci. Ten 33 cambios de compás, sendo o minuto 3:33 o seu xusto medio. Cerrará o concerto The Island of Light, de José Alberto Pina, na que aparecerán sorprendentes efectos e o soporte de sons gravados para ilustrar lendas e lugares da illa de Menorca, na cal está baseada esta obra.

O concerto será este venres, ás 20:30 horas, de balde ata completar as localidades da Sala Brage do Auditorio de Galicia.

Compartir: