ALCALDÍA

O Concello inviste 2,2 millóns de euros na urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño, que permitirá a construción de 158 vivendas

19/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou un convenio de colaboración co director xeral de Gas Galicia, Roger Serrat, para a construción das instalacións de distribución de gas no SUNP-11 do Castiñeiriño. Posteriormente, visitaron as obras de urbanización deste solo que executa o Concello.

O Concello está executando as obras de urbanización deste SUNP-11 do Castiñeiriño, cun investimento de 2,2 millóns de euros. "Estamos a desenvolver solo para o presente e para o futuro da cidade", indicou o alcalde, quen recordou que estes traballos son tamén "unha aposta pola vivenda protexida en Santiago, xa que este solo vai permitir a construción de 158 pisos protexidos".

"Ademais, crearanse case 8.000 metros cadrados de zonas verdes e outros 5.000 de equipamentos, polo que se incrementa o patrimonio público de Santiago", dixo. As obras atópanse nun nivel de execución de case nun 30%.

Sobre o convenio asinado con Gas Galicia, indicou que ten como obxectivo a construción da rede de distribución desta enerxía a todo o polígono. "A compañía encargarase da construción da infraestrutura necesaria para a subministración de gas ás futuras vivendas, de xeito coordinado co resto das obras de urbanización que se están a executar", explicou.

En virtude do acordo asinado, Gas Galicia comprométese a establecer as infraestruturas de distribución de gas, necesarias para completar a urbanización. A obra civil correrá a cargo da empresa contratista das obras de urbanización, mentres que Gas Galicia realizará as obras de natureza mecánica: subministración, acondicionamento e montaxe de canalizacións, válvulas e accesorios, protección, sinalización, etc.

Compartir: