COMERCIO

O concurso para a creación do galardón dos Premios ao Comercio Compostelán ábrese a estudantes de formación artística

19/02/2015 O Concello de Santiago convocará proximamente os Premios ao Comercio Compostelán 2015 co afán de recoñecer o esforzo dos comerciantes e o seu importante labor tanto a nivel social coma económico.

Partindo de que temos un comercio de cine, búscase o Óscar que premie os nosos comerciantes máis destacados, polo que, un ano máis, convócase tamén un concurso entre os artesáns composteláns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia e os alumnos de ensinanzas regradas no ámbito artístico para a creación das pezas que sirvan de galardóns a estes premios.

O obxecto do concurso é a creación dunha obra inédita que será empregada como peza conmemorativa no acto de entrega dos Premios do Comercio Compostelán 2015, o día 8 de abril de 2015, no Pazo de Raxoi.

Poderán participar todos os obradoiros artesáns de Compostela adheridos á marca Artesanía de Galicia e os alumnos que estean cursando formación regrada nalgunha das ensinanzas artísticas impartidas en centros composteláns. Cada participante poderá presentar ata un máximo de dous deseños.

O tema é libre, así como as técnicas, materiais ou estilos empregados na obra. No caso de utilizar imaxes, elementos ou obras doutros autores, o participante será o responsable único de calquera incidente que por estes motivos se puidera producir. Para participar achegarase cuberto o boletín de inscrición dispoñible na páxina web www.santiagocomerciodecine.com.

Os traballos ou bosquexos dos mesmos poderanse presentar de forma dixital (en formato PDF) no enderezo de correo comercio@santiagodecompostela.gal, mostrando as diferentes vistas da peza e indicando no asunto "Concurso Peza de Artesanía", ou tamén en maqueta física. En todos os casos, deberán achegar ao traballo os datos de contacto (nome e apelidos, enderezo, teléfono, correo electrónico e DNI), así como un informe técnico coas características principais do deseño (dimensións, materiais…) e o nome atribuído á peza. A data límite para inscribirse e achegar os distintos traballos ou bosquexos é o 4 de marzo de 2015.

O xurado estará formado por un representante do Concello de Santiago e das asociacións de comerciantes da cidade, que valorarán a calidade de execución técnica da obra e o seu rematado, a claridade na presentación da proposta e a fidelidade na representación da esencia do premio. A resolución do xurado darase a coñecer o 9 de marzo.

O premio estará dotado con 1.500 euros (impostos engadidos). O gañador terá que entregar ao Concello de Santiago seis pezas iguais do deseño premiado coas súas correspondentes embalaxes.

Direccións relacionadas



Compartir: