COMERCIO

O programa "Espazos activos, escaparates vivos" consegue a ocupación de máis da metade dos locais baleiros participantes

22/02/2015 O programa Espazos activos, escaparates vivos, proxecto piloto no que o Concello fixo de intermediario entre propietarios de locais baleiros e empresarios, conseguiu que máis do 50% dos locais participantes fosen xa alugados ou vendidos. Os escaparates estiveron instalados dende o mes de xuño e permanecerán ata o próximo mes de marzo, momento de finalización do programa.

Espazos activos, escaparates vivos é un proxecto innovador de dinamización do pequeno comercio no que o Concello fai de intermediario entre os propietarios de locais baleiros e os empresarios da cidade para, ao mesmo tempo, amosar as posibilidades dos locais comerciais baleiros en tanto non se ocupan con carácter definitivo, logrando así non romper coa continuidade comercial das rúas composteláns e atraendo así a instalación de novos negocios.

Dentro do programa editouse un folleto onde se recollen imaxes e a localización dos escaparates instalados nos baixos comerciais adheridos, así como a relación dos negocios expositores. Este folleto é a súa mellor presentación, posto que amosa os seus produtos ou servizos. Distribuirase en diferentes puntos de interese da cidade e haberá reparto a pé de rúa para os viandantes.

Como colofón e peche do programa celebrarase unha charla o mércores 4 de marzo, ás 20:15 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche, sobre prácticas de uso para o aproveitamento de locais comerciais baleiros, dirixida a inmobiliarias, propietarios, comerciantes, asociacións de comerciantes e público interesado ata completar aforo.

Os interesados en acudir deberán confirmar asistencia mediante o envío dun correo electrónico a comercio@santiagodecompostela.gal.

Compartir: