PROMOCIÓN ECONÓMICA

Un proxecto de soporte tecnolóxico para congresos e unha ludoteca gañan o Concurso de novas ideas empresariais

13/09/2006 A empresa Arrendamientos Tecnológicos y Servicios, dedicada ao soporte tecnolóxico para eventos e congresos, e a ludoteca Gazafello foron os proxectos gañadores do Concurso de novas ideas empresariais, dentro do programa Compostela Activa. En total presentáronse ao certame dezasete proxectos empresariais, que no momento de presentar a súa solicitude non podían ter iniciada a actividade. Estas iniciativas estaban distribuídas entre as dúas categorías establecidas: edición xeral e novas ideas empresariais promovidas por mulleres.

Na categoría xeral, Arrendamientos Tecnológicos y Servicios recibiu o primeiro premio, dotado con 5.000 euros por un proxecto destinado a prestar servizos tecnolóxicos a congresos e outros eventos. A empresa compóñena catro mozos (tres físicos e un informático), que agardan crear seis postos de traballo para os primeiros tres anos de funcionamento. O feito de que Santiago sexa un dos principais centros de congresos da península e a vinculación da empresa coas novas tecnoloxías garanten a viabilidade da iniciativa, a xuízo do xurado.

O segundo premio, de 4.000 euros, foi para Darredor, deseño cultural, unha iniciativa dunha moza e un mozo dirixida á realización de todo tipo de servizos dentro do ámbito cultural: documentación, produción e comunicación cultural, proxectos de dinamización turística, organización e xestión de eventos culturais e incluso proxectos museísticos ou exposicións itinerantes. Esta iniciativa vén contribuír á consolidación de Santiago como referente non só cultural, senón tamén en canto aos servizos que teñen que ver coa cultura. Calcúlase a creación de 3 postos de traballo nos primeiros dous anos de actividade da empresa.

En terceiro lugar, con 3.000 euros de dotación, resultou premiado o proxecto de Maritza Abeleira, orientado á creación dun centro de ensino no sector da moda, para a formación de futuros traballadoras e traballadores do sector téxtil. O emprego de novas tecnoloxías na formación (software específico para patronaxe) outórgalle a esta iniciativa un carácter diferencial con respecto a outras empresas semellantes. O proxecto prevé a creación de 12 postos de traballo nos cinco primeiros anos de vida da empresa.

Ideas de mulleres

Na categoría de novas ideas empresariais promovidas por mulleres, a iniciativa gañadora foi a ludoteca Gazafello, promovida por tres mozas con formación nas áreas de educación social, psicopedagoxía e tempo libre. Apoio escolar, saídas e campamentos, cumpreanos, obradoiros ou talleres de contacontos son algunhas das actividades previstas no proxecto, así como o asesoramento aos pais e nais cos que traballen.

A segunda clasificada foi Mercedes Morigosa, quen presentou un proxecto de servizo de catering de alta calidade, con servizo a comedores de institucións, comidas e petiscos de cafeterías, celebracións familiares, inauguracións, congresos... Esta empresa xerará actividade para outras da comarca: provedoras de materias primas, de menaxe, carpas, transporte..., o que influirá positivamente no tecido empresarial da bisbarra.

En terceiro lugar quedou Seiva, un proxecto promovido por dúas xoves pedagogas que porán en marcha un servizo integral de educación, con actividades que van dende un gabinete de psicomotricidade ata a introdución do método PeakPilates para persoas maiores, o que representa unha novidade no sector. De feito, en Santiago non existe ningún centro específico de psicomotricidade dende onde artellar e desenvolver distintos programas de calidade relacionados con esta área da saúde.

Os criterios de valoración aplicación na selección foron os seguintes: o carácter innovador do proxecto, o emprego das novas tecnoloxías da información e a comunicación, o desenvolvemento de recursos endóxenos, a creación de emprego, o respecto polo medio natural e a integración da actividade no conxunto da economía compostelá.

O xurado estivo composto por Xosé Manuel Iglesias Iglesias, concelleiro de Promoción Económica e Emprego; Loreto Fernández Fernández, vicedecana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC; Melchor Fernández Fernández, director do IDEGA; e Fernando Barros Fornos, secretario xeral adxunto da Cámara de Comercio de Santiago.

Compartir: