CULTURA

Leopoldo Nóvoa, protagonista da nova exposición do Auditorio de Galicia

18/02/2015 A exposición Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns inaugúrase na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia este xoves 19 de febreiro ás 20:00 horas. Ao acto inaugural asistirá o alcalde de Santiago Agustín Hernández; a concelleira de Cultura, María Antón; a viúva do artista, Susana Carlson; a comisaria da exposición, Mercedes Rozas; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou. A mostra permanecerá aberta ata o mes de xuño todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h. Unido á mostra, haberá un programa didáctico que desenvolverá talleres o mes de febreiro e visitas guiadas ata a clausura da mesma.

Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns é unha exposición dedicada á obra deste artista falecido hai tres anos en París e un dos representantes máis destacados da arte máis actual en Galicia. A exposición que acolle o Auditorio de Galicia achéganos a unha parte da extensa produción dun creador que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes que constitúen o seu mundo creativo e expresivo.

A relevancia desta mostra vén de contemplar como este autor articula e pon en valor, ao longo da súa traxectoria, soportes como o gravado nas súas diferentes técnicas. Así, a liña de traballo que propón a comisaria, Mercedes Rozas, pasa por traer á sala de exposicións máis de 50 obras en papel e cartón (probas de autor, gravados, pochoirs, técnicas mixtas sobre papel etc..), moitas delas inéditas. A cita complétase con poemas de Catherine Topall, escritos para o libro Temps de soufre, ilustrado polo propio Leopoldo. De igual xeito, un poema do propio artista, escrito a modo de despedida e atopado recentemente por Susana Carlson nun libro en Armenteira, inicia o percorrido expositivo.

Para a comisaria, "en Papeis e cartóns (...) cada peza é traballada con mimo: estudando a superficie en branco, intuíndo a composición, temperando os materiais, abrindo as portas ao accidente controlado, introducindo rimas, texturas e cores, aprehendendo a realidade interior da abstracción e camiñando dende o nada cara a un final imprevisible (...) po de carbón, arames, cordóns, areas, anacos de teas, pigmentos... que aplica con refinamento, establecendo vínculos entre eles, empatías que impulsan o seu funcionamento en sintonía, que os obrigan a manobrar ao unísono, na mesma resonancia e harmonía. (...) Por uns meses en Santiago xúntanse as trazas de execución do gravado e os pochoirs á actuación híbrida da pintura, colaxe e exercicio matérico (...) Leopoldo foi consciente de que para que a memoria perdurase nos seus cadros tiña que atala con "mecates" e alentala coa fraxilidade da luz trepidando sobre as cinzas, e, sobre todo, inmortalizala co silencio".

Compartir: