TURISMO

O aeroporto de Santiago comeza o ano cun crecemento do 11,04% en pasaxeiros nas conexións internacionais

17/02/2015 No pasado mes de xaneiro, as conexións internacionais do aeroporto de Santiago moveron 21.895 pasaxeiros, un 11,04% máis que os 19.477 de xaneiro do 2014. Así, o aeroporto comezou o ano continuando co crecemento do tráfico nas súas conexións internacionais directas, un crecemento que comezou no 2012 e que conseguiu que tanto no 2013 coma no 2014 se marcasen dous máximos consecutivos.

No mes de xaneiro houbo once conexións internacionais no aeroporto: Xenebra, Londres Stansted, Basel, Londres Gatwick, Frankfurt e Estambul, que son conexións de carácter anual, e Zurich, París, Roma, Ámsterdam e Bruxelas, que operan na temporada de verán, pero tiveron voos especiais neste Nadal. En xaneiro do ano pasado foron oito as conexións que operaron no aeroporto. As novidades deste ano foron Roma, Ámsterdam e Bruxelas.

O crecemento de xaneiro indica que neste 2015 xa se está en camiño de superar o máximo histórico que se marcou o ano pasado. O obxectivo é chegar por primeira vez ao medio millón de pasaxeiros nas conexións internacionais do aeroporto. Esta cifra poderá lograrse gracias a que este ano será o de maior conectividade internacional, con 18 rutas directas con mercados turísticos estratéxicos para a cidade.

As 18 conexións internacionais do aeroporto de Santiago neste ano serán operadas por seis compañías. Vueling: Roma, Düsseldorf, Munich, Berlín, París, Amsterdam, Bruxelas e Zurich. Easyjet: Roma, Londres, Xenebra e Basel. Ryanair: Londres, Frankfurt, Milán. Aer Lingus: Dublín. Turkish Airlines: Estambul. Swiss: Zurich.

Estas 18 conexións suporán un aumento de cinco novas rutas no aeroporto de claro interese turístico para Santiago, xa que melloran amplamente a conectividade da cidade con dous dos seus principais mercados, Alemaña e Italia. En Alemaña, as novas conexións serán con Düsseldorf, Munich e Berlín. En Italia, Easyjet comezará a operar a conexión con Roma, sumándose á que o ano pasado puxo Vueling. Ademais, haberá unha nova compañía no aeroporto, Swiss, que operará unha conexión con Zurich.

Compartir: