TRANSPORTES

Os composteláns poderán viaxar gratis en autobús urbano no Día sen coches

13/09/2006 O venres 22 de setembro, aqueles composteláns que o desexen poderán utilizar gratis o servizo de autobuses urbanos e unirse así á celebración do Día sen coches. Así o anunciou o concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, quen indicou que esta iniciativa pretende "captar novos usuarios dos autobuses urbano" e servir de apoio á esta xornada de concienciación medioambiental.

O Concello desenvolve esta campaña en colaboración coa Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (Tussa); coa empresa concesionaria do servizo de transporte, Tralusa; e cos xornais "El Correo Gallego" e "La Voz de Galicia". Estes xornais publicarán os días 20, 21 e 22 de setembro un cupón recortable, que os usuarios deberán entregar no autobús para poder utilizalo de forma gratuíta este último día. A iniciativa irá acompañada dunha campaña de difusión nos propios xornais e na radio

O cupón conterá catro preguntas, coas que se intentará recoller a opinión dos usuarios sobre o transporte, cara a mellorar o servizo no futuro. Nesta liña de optimización, Fernández Leiceaga lembrou a permanente atención que o servizo presta á expansión da cidade ou a renovación da flota de autobuses nos vindeiros meses, coa incorporación de nove a trece novos vehículos.

Compartir: