COMERCIO

O Concello presenta os vídeos dos establecementos nomeados Embaixadores do Barrio de San Pedro

14/02/2015 A Concellería de Comercio vén de presentar os vídeos realizados nos establecementos que foron nomeados "Embaixadores do Barrio de San Pedro". As pezas audiovisuais teñen como obxectivo dar promoción á emblemática zona da cidade, amosándoa como un lugar para vivir, traballar, emprender, mercar e divertirse.

Estas obras filmadas son parte do recoñecemento que recibiron os oito establecementos premiados polo Concello polas súas boas prácticas comerciais: Como Pez en el Agua, Floristería Embora, Faino Ti, A Balea Violeta, El Taller de Fer, Xearte, Libraría Pedreira e Quero Té.

Os vídeos están dispoñibles na páxina web do barrio de San Pedro e nos perfís de Facebook e de Twitter.

Os oito establecementos nomeados Embaixadores de San Pedro foron parte dos vinte de locais que se presentaron ao concurso impulsado pola Concellaría de Comercio, e que ten como obxectivo premiar a excelencia que axuda a converter o barrio nun lugar atractivo para residentes e visitantes.

A selección dos gañadores realizouse a través da técnica do "comprador misterioso", na que un avaliador visita a tenda facéndose pasar por un interesado anónimo, podendo comprobar o cumprimento das boas prácticas comerciais recollidas no Manual publicado pola Concellería de Comercio.

Nos vídeos cada protagonista fala do seu propio negocio pero, ademais, como embaixador de San Pedro, presenta a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. A identificación física dos establecementos faise cun cartel distintivo que conta cun código QR, co que se pode acceder facilmente a toda a información sobre o proxecto.

Os establecementos Embaixadores do Barrio de San Pedro son:

- Libraría Pedreira. Esta emblemática libraría, situada na rúa do Home Santo 55, abriu as portas en 1981 e dende entón consolidouse como un referente, en Santiago de Compostela e no propio Barrio de San Pedro, na dinamización da cultura galega e da lingua.

- Quero Té. Emprazado na rúa San Pedro 93 e cunha coidada decoración, neste establecemento especializado atópase unha gran variedade de tés que se poden mercar a granel ou xa preparados para o seu consumo, ademais doutros produtos derivados.

- Xearte Brigitte. A elaboración completamente artesanal, a variedade de sabores e o uso de ingredientes frescos e de calidade son as claves do éxito desta xeadería situada no número 70 da rúa de San Pedro.

- El Taller de Fer. Neste local da rúa San Pedro 109 confecciónase e véndese unha ampla variedade de artigos feitos en coiro de maneira artesanal. Ademais, impártense obradoiros todas as semanas para aqueles interesados no oficio.

- A Balea Violeta. Especializado en puericultura, con produtos, xoguetes e prendas para bebés e meniños, o establecemento ofrece tamén sesións informativas para familias e mulleres lactantes, así coma obradoiros de temática variada. Situado no número 69 da rúa de San Pedro.

- Faino Ti. O mundo da la e dos seus accesorios non ten segredos para esta tenda do número 89 da rúa de San Pedro. Ademais da súa función comercial, cada semana acoden grupos para aprender a calcetar, facer gancho e outras técnicas de tecido.

- Floristería Embora. Toda unha vida de dedicación ao mundo das plantas e flores garanten o bo facer que se estila neste local do número 65 da rúa San Pedro. Realízase venda diaria e traballos por encargo, dende pequenos centros a instalacións de maior envergadura.

- Como Pez en el Agua. Unha variada e coidada exposición de produtos de artesanía, algúns deles realizados no propio establecemento, recibe aos visitantes. Nesta tenda da rúa San Pedro 79 hai desde bixutería a complementos de todo tipo, pasando por decoración e artigos para meniños.

Direccións relacionadas



Compartir: