XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de mellora do pavimento no SUNP-13 do Castiñeiriño

12/02/2015 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de urbanización para a mellora do pavimento no SUNP-13 do Castiñeiriño, no ámbito do vieiro autonómico en dirección á Estrada. Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, esta actuación ten por obxecto resolver as deficiencias que presenta o pavimento resultante das obras de urbanización nesta zona. As obras, cun orzamento previsto de 59.630 euros, serán executadas con cargo ao aval constituído pola entidade O Combarro Cooperativa Galega de Vivendas.

Apuntou Agustín Hernandez que, segundo os informes municipais, "os derramos observados no contorno das parcelas 4B2 e 4B3 son froito da deficiente execución das redes pluviais da urbanización, polo que non procede a devolución do aval constituído no seu día ata que os problemas non estean resoltos". Por isto, procederase ao levantamento dos pavimentos deteriorados e dos tramos de evacuación de augas pluviais e residuais que se atopan contra pendente, para executalos a favor de pendente.

Ademais, rectificaranse os pozos de rexistro, formalizaranse firmes e colocaranse pezas de pavimento levantadas e non deterioradas, así como outras novas para completar o tramo deteriorado. A actuación tamén se aproveitará para mellorar a recollida de pluviais en paralelo á vía da Estrada, debido ao aumento de caudal a raíz das obras do AVE e da propia ampliación e mellora do vieiro autonómico.

Programa de dinamización da lectura
No ámbito cultural, a Xunta de Goberno acordou solicitar á Secretaría Xeral de Cultura, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a participación no programa Ler conta moito, orientado á dinamización da lectura para as bibliotecas integradas na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia. O orzamento que se solicita é de 3.866 euros, dos que un 75% sería asumido polo departamento autonómico e o resto polo Concello.

A través deste programa desenvólvense accións atractivas para achegar aos distintos colectivos o contido das bibliotecas, tanto en libros como en material audiovisual. No caso de Santiago, este programa vincúlase á Biblioteca José Saramago do Centro Sociocultural de Vite e ás salas de biblioteca dos centros socioculturais das Fontiñas, Conxo e Santa Marta. Nas previsións para o ano actual preténdese a celebración de 12 espectáculos de animación no conxunto dos catro centros citados.

Axudas para festas patronais
Outro dos acordos do Goberno local foi o visto bo á convocatoria para a petición de axudas municipais destinadas ás festas patronais nos barrios e nas 28 parroquias do Concello. Para ese fin créase unha partida de 28.000 euros.

Aula CeMIT
Finalmente, aceptouse a concesión dunha subvención de 15.000 euros da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o mantemento da condición de aula CeMIT, pertencente á Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica. A subvención contribuirá a financiar en parte o custo salarial total dun axente TIC para a aula municipal, cifrado en 28.787 euros.

Documentos relacionados



Compartir: