ALCALDÍA

Agustín Hernández resalta a coordinación entre Policía Local e Policía Nacional para seguir facendo de Santiago de Compostela unha cidade segura

11/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presidiron a Xunta Local de Seguridade. Na mesma, entre outras cuestións, analizáronse os índices de criminalidade na cidade dos anos 2014 e do inicio de 2015, constatando unha evolución que segue a reflectir que Santiago de Compostela é unha cidade segura. Destaca a diminución en 2014 dos roubos con forza, das infraccións por tráfico de drogas e dos danos.

Para continuar mantendo estes baixos índices de criminalidade, moi por debaixo da media española, Agustín Hernández destacou a coordinación existente entre a Policía Local e a Policía Nacional. Exemplo disto, indicou, é a colaboración que se está a manter para intensificar a presenza policial na zona histórica, a raíz dos problemas detectados nalgún ámbito e denunciados por colectivos veciñais e comerciais. Non obstante, indicou que este é un problema "complexo", que implica tamén aos servizos sociais, que "moitas veces estas persoas rexeitan".

O subdelegado do Goberno foi o encargado de detallar unha taxa de criminalidade en Santiago que, se ben experimenta unha leve suba en 2014 respecto a 2013, segue sendo segunda máis baixa de la serie histórica de los últimos 10 años. Así, indicou que estes índices se manteñen en niveis "pouco preocupantes", moi por debaixo da media de España e mellor que nos anos 2012, 2011 e 2010. Ademais, resaltou que a criminalidade en xaneiro de 2015 ofrece un resultado positivo respecto ao mesmo mes do ano anterior, cunha baixada das infraccións penais.

O conxunto de infraccións incrementouse nun 3,5% respecto a 2013. Non obstante, mantense o número no caso dos delitos e mesmo experimenta unha pequena baixada, mentres sube a taxa de faltas.

En particular, rexistrouse un crecemento dos delitos contra a seguridade viaria, debido a que, a partir do segundo semestre, se incorporaron os datos da Policía Local, que non se viñan contabilizando con anterioridade.

Nos delitos con violencia, o incremento (do 10,2%) prodúcese fundamentalmente nos malos tratos no ámbito familiar. Aquí non se inclúe unicamente a violencia de xénero, senón tamén outros casos de violencia no ámbito doméstico.

Ademais, increméntanse os roubos de vehículos a motor, dándose a circunstancia de que os subtraídos son maiormente coches de certa antigüidade, cun sistema de peche menos moderno que o dos vehículos actuais.
Os roubos con forza experimentaron unha baixada do 18%, mentres que as infraccións por tráfico de drogas diminuíron un 35,3%. Tamén decreceron os danos un 6,7%.

Compartir: