DEPORTES

O alcalde agradece aos gañadores dos Premios Santiago Deporte o esforzo e o seu papel como animadores da práctica deportiva

10/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu a II Gala do Deporte de Santiago, na que se entregaron os Premios Santiago Deporte 2014. Na cerimonia, celebrada no Auditorio de Galicia, foron galardoados a patinadora artística Nadia Iglesias, o atleta Pedro Nimo, o club Arteal Tenis de Mesa, o adestrador de fútbol sala Santiago Valladares, a empresa Cenor, a S.D. Compostela, o IES Rosalía de Castro e o directivo José Manuel Castelao.

Agustín Hernández felicitou os premiados, "persoas, entidades, centros educativos que contribúen a levar o nome de Santiago e de Galicia ás máis altas cotas deportivas". Ademais, destacou o seu labor como animadores dunha práctica, a deportiva, que "fomenta unha actitude saudable, unha maior calidade de vida e, cada paso máis tamén, unha importante actividade económica que redunda en moitos sectores e na propia imaxe exterior da cidade".

Lembrou que os galardóns non só recoñecen os éxitos do último ano, senón que valoran tamén "o camiño percorrido para chegar a acadar esa meta", porque, en palabras do alcalde, "o éxito deportivo non é unha cuestión de azar, senón a suma de esforzos, de sacrificios e de constancia para irse superando día a día e conseguir estar entre os mellores".

"Os premiados nesta gala ofrecen unha magnífica perspectiva da extraordinaria variedade e da vitalidade que latexa nos colexios, nos clubs, nas empresas e na cidadanía de Santiago", apuntou Agustín Hernández. A todos agradeceulles, en nome do Concello e da cidade, "a súa contribución a promover o deporte, difundir os seus valores e engrandecer a imaxe e o coñecemento de Santiago".

Ao agradecemento sumouse tamén a concelleira de Deportes, María Corral, quen abriu unha Gala destinada a premiar a aqueles que "fixeron da práctica deportiva un referente da súa actividade e constitúen un modelo para o presente e tamén para o futuro do deporte municipal". É por iso, dixo, polo que "dende o Concello nos sentimos tamén estimulados no esforzo para tratar de situar os servizos e a xestión na área deportiva municipal ao nivel do rendemento que, en cada unha das especialidades, veñen demostrando os nosos deportistas".

PREMIOS SANTIAGO DEPORTE 2014

Os gañadores desta edición foron elixidos por un comité avaliador presidido polo alcalde, Agustín Hernández, actuando como vicepresidente a propia concelleira de Deportes, María Corral. Ademais, estaba integrado por un representante de cada grupo político municipal, da Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación da Coruña; e por representantes dos medios de comunicación da cidade.

A patinadora artística Nadia Iglesias foi designada como mellor deportista feminina de 2014. Entre os seus resultados máis destacados neste pasado ano destacan: 1ª clasificada no Campionato Provincial de Patinaxe, 1ª clasificada no Campionato Galego de Patinaxe, subcampiona de España de Patinaxe en categoría cadete e 5ª clasificada no Campionato de Europa cadete-xuvenil de Patinaxe. Participou en plans formativos de tecnificación das Federacións Española e Galega de Patinaxe.

O premio ao mellor deportista masculino recaeu no atleta Pedro Nimo. Campión de España de Maratón no 2014, a súa traxectoria inclúe tamén nesta temporada o primeiro posto na clásica Behovia (San Sebastián); o título no Campionato Galego de Campo a Través por sexto ano; o primeiro posto no Maratón Internacional de San Sebastián, coa mellor marca galega do ano; ou o mérito de ser o 2º atleta no Maratón de Londres (14º na clasificación xeral). O xurado recoñeceu tamén o seu labor activo na difusión e promoción do atletismo na cidade.

Para o xurado, a entidade deportiva máis destacada foi o Arteal Tenis de Mesa. Recoñeceuse así a destacada traxectoria deste club, fundado en 1987. A temporada 2013/2014 estivo tamén chea de éxitos para esta entidade. Así, o equipo masculino de Superdivisión (máxima categoría nacional) quedou subcampión da liga regular e disputará a Copa de Europa (ETTU CUP) nesta tempada 14/15. Pola súa parte, o equipo de Superdivisión feminino mantivo a categoría.

O equipo filial masculino ascendeu de categoría e compite en División de Honra nesta temporada, e o feminino consolidou meritoriamente a permanencia no seu primeiro ano en División de Honra. A estes resultados hai que engadir as cinco medallas (1 prata e 4 bronces) logradas no Campionato de España Absoluto; os 6 ouros, 1 prata e 1 bronce no Campionato Galego Absoluto; e varias medallas nos campionatos galegos de categorías inferiores (ouro e bronce en categoría infantil, e ouros en xuvenil masculino e feminino e sub-23 masculino e feminino).

O galardón para o mellor adestrador recaeu en Santiago Valladares, preparador do Santiago Futsal. Vinculado a este club (antes Lobelle de Santiago) dende o ano 2004 como técnico nas diferentes categorías, compartiu estas responsabilidades coa de ser seleccionador galego en diferentes etapas (sub-18, sub-21...).

Na temporada 2013/2014, cun equipo moi renovado e formado en parte por xogadores das categorías base do club, logrou por segundo ano consecutivo chegar ás semifinais da Copa de España. Ademais, o Santiago Futsal foi campión da Copa Xunta de Galicia e o seu equipo de 1ª División Nacional alcanzou a permanencia.

Santiago Valladares destacou tamén como xogador, chegando a ser seis veces internacional absoluto coa Selección Española de Fútbol Sala, participando no 1º mundial FIFA en Holanda no ano 1989.

O premio ao mellor patrocinio deportivo foi para Central de Electrodomésticos del Noroeste (Cenor). Esta empresa participa activamente en patrocinios deportivos e nas iniciativas sociais a nivel local. É creadora do Circuíto de Golf Cenor Camiño de Santiago, un dos máis prestixiosos do norte de España, que chega á súa 8ª edición. Patrocina o Obradoiro CAB e os seus equipos de base e colabora con actividades vinculadas coa S.D. Compostela e co Santiago Futsal.

Nesta gala tamén se recoñeceu a mellor actividade ou acción social, realizada pola S.D. Compostela. O club participou en campañas de recollida de alimentos para a Cociña Económica e a Asociación Centinelas, e desenvolveu programas de colaboración con entidades como Proxecto Home, Sarela, Down Compostela, Asociación Dignidade Lugo ou a Asociación Española contra o Cancro.

Ademais, organizou con carácter benéfico un partido homenaxe a favor das vítimas do accidente de Angrois, no que tamén estivo presente o Real Club Celta de Vigo. Promocionou a práctica do fútbol en diversos centros de ensino da cidade (Fontiñas, Monte dos Postes, A Milagrosa, Peleteiro....) coa participación activa de xogadores do primeiro equipo da entidade.

O IES Rosalía de Castro recibiu o galardón á mellor entidade educativa. Na temporada 2013/2014 tivo 26 equipos en competición regular, cun total de 345 deportistas. Participou no Campionato de España Infantil Masculino e desenvolveu a escola deportiva do Colexio Pío XII, asumindo a xestión no 2012 dos equipos federados do Club Baloncesto Pío XII.

Tamén colaborou co persoal técnico nas escolas de predeporte e baloncesto da ANPA do CEIP López Ferreiro e, xunto co Concello de Santiago, realizou o Campamento Urbano Santia-GO, que incluía propostas deportivas e educativas.

Finalmente, o premio honorífico á traxectoria deportiva foi este ano para José Manuel Castelao, fundador, xunto con Juan José Ruibal e Santiago Caeiro, do Club Baloncesto Cluny na tempada 1975/76, equipo no que permaneceu durante 39 anos como directivo, asumindo diferentes responsabilidades. Conta cunha longa traxectoria persoal vinculada ao deporte de Santiago.

Formou parte da xunta directiva da Asociación Deportiva Española de Centros de Enseñanza e foi membro durante 12 anos da Comisión Delegada da Federación Galega de Baloncesto. Tamén tivo representación no Consello Municipal de Deportes e, na Basketgal-92, recibiu o premio ao mellor directivo.

Direccións relacionadas



Compartir: