FESTAS

Desfiles, festivais, bailes, obradoiros, gastronomía e animación de rúa no programa do Entroido compostelán

10/02/2015 A concelleira de Festas, María Antón, presentou en rolda de prensa a programación do Entroido 2015, que se celebrará entre os días 14 e 18 de febreiro. O desfile do martes 17 será un ano máis o punto forte dun calendario que arrancará co desfile do Meco e que incluirá un festival infantil, obradoiros, actividades nos centros socioculturais, ofertas gastronómicas e a todas as propostas ligadas ao Entroido dos Xenerais da Ulla.

A programación do Entroido arrancará o sábado 14, ás 20:00 horas, co desfile do Meco dende a praza de Cervantes ata a praza do Toural, pasando por: rúa do Preguntoiro, rúa do Castro, praza da Universidade, rúa Cadenal Payá, rúa Nova, rúa de Xelmírez e rúa do Vilar. A animación musical durante o desfile porana as comparsas Os Conformistas, de Conxo (presente na rolda de prensa) e A Ruliña, de Laraño.

O Meco subirá a iso das 20:30 horas ao Pazo de Bendaña, onde permanecerá ata o 18 de febreiro. Do pregón e da animación encargarase Fantoches Baj.

O Meco foi deseñado un ano máis por José Manuel Méndez, quen explicou que, nesta ocasión, a figura representa os desexos do fin da crise. De aí que o boneco, coa súa tradicional cabeza de porco, estea enriba dunha pota de cocido chea de cartos e ilusións.

Festival infantil e obradoiros
O domingo 14, Os Conformistas de Conxo e a charanga Os Atrevidos animarán as rúas dende as 10:30 horas. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase o Festival Infantil de Disfraces na Sala Capitol. Está dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos. A inscrición é gratuíta e realizarase na mesma sala. Haberá obradoiros de maquillaxe dende as 16:30 horas e a animación poraa Ni Fu Ni Fa.

Establécense tres categorías de participación: individual, parella e grupo a partir de tres persoas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas modalidades de grupo e de parella, e para os cinco mellores disfraces individuais. Os galardóns outorgaranse en metálico (200, 150 e 100 euros) para os mellores grupos, mentres que o resto de premiados recibirán tablets, libros electrónicos, cámaras dixitais ou equipos de música.

As actividades para os máis novos seguirán o uns 16, coa realización de obradoiros de maquillaxe e de disfraces tanto pola mañá como pola tarde. Ademais, ás 18:00 horas, celebrarase un concerto-baile de Entroido con Rocks and Kids Band, que faran un repaso pola historia do rock no Museo Centro Gaiás. A entrada é de balde.

Desfile do martes de Entroido
Como en cada Entroido, o desfile do martes será o punto forte do programa. A comitiva estará encabezada un ano máis polos Xenerais da Ulla. En Santiago, son catro as parroquias que manteñen esta tradición do Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico Galego: Marrozos, Angrois, Aríns e O Eixo. Veciños destas zonas serán os que formen esa comitiva.

O tradicional desfile do martes de Entroido está aberto a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. Comezará ás 17:30 horas na Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

A inscrición para o desfile-concurso formalizarase na Concellaría de Festas (Teatro Principal - rúa Nova, 21) ata as 14:00 horas do luns 16 de febreiro.
Haberá varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 16.000 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 3.500 e 2.400 euros, respectivamente, polos 800 que levará o mellor grupo, os 400 da mellor parella o os 300 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio.

Ao remate da entrega de premios, actuará a orquestra Marimba no paseo central da Alameda.

A xornada do martes completarase coa animación de rúa da charanga Compostela a partir das 12:00 horas e cun obradoiro de maquillaxe na praza Roxa ás 16:00 horas.

Queima do Meco
A programación do Entroido concluirá o mércores 18 de febreiro co acompañamento do Meco dende a praza do Toural ata a praza Roxa, seguindo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, rúa da Senra, rúa do Doutor Teixeiro e rúa da República do Salvador. A comparsa A Ruliña de Laraño participará neste desfile, ao que se prega que a xente acuda de rigoroso loito.

A Banda Municipal de Música acompañará musicalmente o Meco nos seus últimos momentos, antes de arder na praza Roxa. A animación do evento poraa Ni Fu Ni Fa.

Centros socioculturais e Entroido gastronómico
A concelleira tamén deu conta das actividades programadas dende os centro socioculturais. Así, naqueles que teñen biblioteca (Santa Marta, Vite, Fontiñas e Conxo), realizarase un biblioconcurso de disfraces de personaxes relacionados coa literatura. O concurso resolverase o 18 de febreiro e o premio será un lote de seis libros da biblioteca en cada centro.

Diversos centros socioculturais realizarán obradoiros para construír un meco propio e acollerán festas de disfraces, bailes de Entroido, concursos de filloas e merendas compartidas.

Finalmente, o programa inclúe un Entroido gastronómico, con propostas desta época en 17 restaurantes da Comarca da Ulla, formada polos concellos da Estrada, Boqueixón, Padrón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Documentos relacionados



Compartir: