MULLER

As mulleres de Compostela serán as protagonistas dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller

10/02/2015 A Concellería de Servizos Sociais pon en marcha a campaña Mulleres, todas somos protagonistas, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo. O programa comprende dúas actividades principais, un chamamento online para recoller fotografías e a formación dun mural con todas esas fotografías con motivo do acto institucional previsto para o domingo 8 de marzo.

"Son moitas as reivindicacións que mantivo a muller ao longo da historia para que nos fose recoñecido un papel e un espazo na sociedade que nos correspondía de xeito natural, non coma un éxito senón coma un dereito. E celebrando que a situación das mulleres evolucionou nos últimos tempos notable e positivamente, debemos seguir avanzando, sen mirar atrás, na dirección da igualdade". Neste obxectivo enmarcou a concelleira de Servizos Sociais, María Corral, a campaña Mulleres, todas somos protagonistas.

Por unha banda –indicou- realizarase unha operación online para recoller fotos, a través da web www.todassomosprotagonistas.com e das redes Facebook e
Twitter. Así, animou tanto a homes como a mulleres a enviar unha fotografía tipo "selfie" na que aparezan eles/as mesmos/as e a muller á que queiran facer o seu recoñecemento particular.

O obxectivo é chegar a preto de 4.000 fotos, que xuntas darán lugar á segunda parte da campaña, a formación dun mural, cun formato aínda por desvelar, no que se incorporarán todas esas fotos. Esta estrutura estará situada o propio 8 de marzo da paza do Obradoiro, servindo de marco a un acto institucional de compromiso coa igualdade. "Este peza constrúese con espírito de permanencia e ocupará un lugar público e destacado que nos axude a non esquecer, previsiblemente na Cidade da Cultura", apuntou a concelleira.

Anunciou que neste acto do 8 de marzo se contará coa presenza da madriña desta campaña, unha muller compostelá que dende o primeiro momento estivo implicada nesta actividade, que quere facer protagonistas a todas as mulleres de Santiago, Nerea Barros, unha actriz en auxe cuxo talento lle foi recoñecido pola Academia de Cine o pasado sábado, ao ser galardoada co Goya á Mellor Actriz Revelación polo seu papel de Rocío na película La isla mínima. Lembrou que na propia gala tivo palabras de cariño para a súa terra e de recoñecemento para as mulleres.

Paralelamente, o día 8 de Marzo, nun acto que terá lugar na Casa do Concello antes deste encontro conxunto no Obradoiro, e como xa vén sendo tradicional, farase unha homenaxe a tres mulleres de Compostela, das que proximamente se facilitarán os seus datos, en recoñecemento á súa traxectoria humana, persoal e laboral.

Con esta campaña, finalizou María Corral, perséguense varios obxectivos: implicar á cidadanía en accións destinadas a recoñecer o papel da muller na nosa sociedade a través daquelas que cada un de nos ten máis preto; fomentar a participación da xente nova nestas campañas de sensibilización a través das novas tecnoloxías; e, en definitiva, deixar constancia do compromiso do Concello e da sociedade compostelá coa defensa da igualdade definitiva entre homes e mulleres.

Direccións relacionadas



Compartir: