DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Santiago de Compostela, distinguida como "Cidade da Ciencia e a Innovación 2014"

09/02/2015 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, recolleu en Burgos o galardón outorgado a Santiago de Compostela como "Cidade da Ciencia e a Innovación 2014". Estas distincións, concedidas polo Ministerio de Economía e Competitividade, recoñecen, tal como expresan as súas bases, "as cidades líderes na creación de vantaxes competitivas grazas á conxunción do capital intelectual e do coñecemento dos seus recursos humanos, con avanzadas infraestruturas locais de forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador".

A concesión desta distinción como "Cidade da Ciencia e a Innovación" é requisito imprescindible para pasar a formar parte da Red Innpulso. Pertencer á mesma supón o fomento de proxectos colaborativos entre os municipios integrados, a promoción internacional en eventos internacionais relacionados coa I+D+i e a consideración preferente para a ubicación de instalación científicas e tecnolóxicas ou a priorización destas cidades como lugares preferentes, congresos ou seminarios dos organismos públicos de investigación.

Santiago recibiu esta distinción na categoría de municipios de 20.001 a 100.000 habitantes xunto con Alzira, Ávila, Molina de Segura, Ontinyent, Palencia, Riveira e Sant Feliú de Llobregat. Tamén foron recoñecidas sete cidades de máis de 100.000 habitantes: Alcalá de Henares, Logroño, Mataró, Oviedo, Pamplona, Sabadell e San Cristóbal de la Laguna. A secretaria de Estado de I+D+I, Carmen Vela, foi a encargada de entregar os galardóns.

Con estas 15 incorporacións son xa 56 as cidades grandes, medianas e pequenas recoñecidas polo seu esforzo e compromiso coa I+D+i e a creación de oportunidades para reforzar e fomentar a ciencia e a innovación dende o ámbito municipal.

Ademais da entrega das distincións, a xornada serviu para por en común as iniciativas desenvolvidas en torno á compra pública innovadora, as de apoio ás pymes innovadoras implantadas nos municipios e para abordar o avance do novo modelo de cidade innovadora.

Red Innpulso
A Red Innpulso deseñou a través dun grupo de traballo liderado polos concellos de Tarrasa, Ermua e Valladolid -en colaboración co Ministerio de Economía e Competitividade- un novo modelo de cidade innovadora. Este modelo será o que se identifique nas próximas convocatorias que publique a Secretaría de Estado de I+D+i, que terán en conta os recursos innovadores dos que se dispón, os procedementos que se seguen e os resultados obtidos por parte das cidades e municipios aspirantes á distinción.

Dende 2010 agrúpase aos concellos distinguidos na Rede, un foro de contacto permanente para compartir recursos e información que ten por obxectivo definir as políticas locais innovadoras e potenciar a cooperación público-privada. A distinción obtense para un período de tres anos.

Compartir: