XUVENTUDE

A Concellería de Xuventude oferta 17 actividades formativas entre febreiro e xullo

09/02/2015 A Concellería de Xuventude pon a disposición dos mozos e mozas de Compostela unha ampla oferta de actividades formativas entre os meses de febreiro e xullo. A titular do Departamento, Maite Cancelo, presentou o programa de accións, composto por 17 cursos e talleres, dos que 12 serán de balde. A inscrición xa está aberta.

O programa componse de varios grupos de actividades, un dos cales é o dedicado á linguaxe, con catro propostas: dous cursos de lingua de signos (nivel básico e avanzado) e dous cursos de conversa en inglés (básico e avanzado). Seguindo coa comunicación, destaca como unha das novidades desta edición o curso de personal branding para aprender a crear unha marca persoal. Tamén se realizará un curso de comunicación laboral e profesional.

As manualidades volverán ser as protagonistas dun bo número de propostas. Haberá talleres de calceta, labor de gancho, trapiño, scrapbooking e traballo en coiro. Do mesmo xeito, volveranse impartir obradoiros de cociña, desta vez centrados na elaboración de hambuguesas e hot dogs gourmet e nos Phoskitos e Tigretóns. Un dos cursos de fotografía dedicarase ás viaxes e o outro destinarase á iniciación a esta disciplina.

Entre as novidades, a concelleira destacou especialmente o taller Love coaching, co que se pretende traballar as relacións afectivas. Completa a oferta formativa un curso regrado, o de monitor de tempo libre, que se desenvolverá un verán máis en colaboración co Centro Xuvenil Don Bosco.

A maior parte dos cursos e obradoiros son de balde, pero é precisa a preinscrición. Terán prioridade para participar nas actividades os mozos e mozas, de 14 a 30 anos, empadroados no Concello de Santiago.

Máis información e inscricións na Concellería de Xuventude:

Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche
Frei Rosendo Salvado 14-16 Baixo
Tfn: 981 543 001 Fax: 981 543 002
dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados



Compartir: