CULTURA

Catro concertos no Principal e un maratón na Quintana dentro do VIII Ciclo de Jazz 1906

09/02/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación en Compostela do Ciclo Jazz 1906, que este ano celebra a súa oitava edición. Na rolda estiveron tamén Carlos López, director artístico do ciclo, e Santiago Miguélez, brand manager de 1906.

Serán en total cinco concertos os que se celebren na cidade, catro deles no Teatro Principal e o de peche de ciclo, un Maratón de Jazz na praza da Quintana. Os nomes que o ciclo ofrece na nosa cidade son variados e apetecibles. Estranxeiros e españois. Consagrados, prometedores ou a descubrir. Do grupo do enorme baixista de fusión camerunés Richard Bona á frutífera unión de dous fenómenos do jazz flamenco: Chano Domínguez e Niño Josele. Da heterodoxia militante e o amor polo risco do gran trompetista Dave Douglas á omnipresencia do pulso clásico do contrabaixista Christian McBride.

Richard Bona Group, 22 de marzo
Só os astros saben o difícil que é nacer en Minta, unha aldea de Camerún, e chegar a compartir escenario con Pat Metheny, os irmáns Brecker, Richard Galliano, Joe Zawinul, Gonzalo Rubalcaba, etc. Poucas veces a vida é xenerosa ata tal punto con alguén que de verdade o merece. A capacidade de loita e o duro traballo son fundamentais, e logo a sorte pode aliarse ou non con un, pero unha traxectoria como a de Richard Bona non se tería forxado sen o enorme talento que atesoura e que, por fortuna, agora se goza en todos os cantos do planeta.

Daquel lugar camerunés flúe aínda polo sangue do baixista o latexo africano e o seu folclore, especialmente sublimados nunha voz cun timbre tenro e limpo e cunha capacidade melódica incontestable. As conquistas do seu ídolo Jaco Pastorious tamén xorden na súa singular forma de facer cantar o seu instrumento e na destreza propia dun virtuoso que despregan as súas xemas. Para colmo é un gran compositor e sabe conxugar estilos con grande acerto, creando unha música de alta calidade e para gozo de todos os públicos.

Nesta ocasión, afeito a explorar xéneros e a cambiar en cada traballo, ofrécenos dez formas distintas e moi particulares de entender o blues nunha viaxe con escalas en Madrás, Bombay, Nashville ou Nova York. Ten Shades of Blues... ou como dar a volta ao mundo escoitando dez blues de autor.

Chano Domínguez & Niño Josele, 12 de abril
Reunións tan felices e oportunas como esta cóntanse cos dedos dunha man. O seu artífice é Fernando Trueba, produtor e dalgún xeito tamén responsable da elección dun repertorio no que converxen como augas da mesma natureza a sofisticación harmónica de Jobim, a melancolía de Michel Legrand, Henri Mancini, John Lewis..., ademais de orixinais e arranxos de ambos os dous intérpretes. Trueba empeñouse en cruzar os seus camiños, pero quizais fosen dous espíritos -os de Bill Evans e Paco de Lucía- os que barallasen as cartas do destino para que este proxecto vise a luz. O disco de presentación gravábase precisamente un mes antes do falecemento do grande de Alxeciras, baixo cuxa sombra creceu musicalmente Niño Josele.

A importante veta aberta por aquel para que a guitarra flamenca puidese respirar jazz é fundamental para que hoxe nos pareza de todo natural que Josele descubrise en Bill Evans a súa porta de entrada para a inspiración jazzística ou que Chano, despois de chegar ao jazz tras os seus inicios co rock sinfónico liderando Cai, recuperase para a súa linguaxe todo o sentimento flamenco inculcado polo seu pai. Estas liñas non son suficientes para enumerar os méritos e traxectorias de ambos os dous, pero si para recordarche que os grandes, xuntos, aínda son máis grandes.

Dave Douglas "High Risk", 26 de abril
Os cualificativos amontóanse na imaxinación á hora de retratar un creador do talle de Dave Douglas. A súa traxectoria aválao como o gran camaleón do jazz, con permiso de Miles Davis. Élle indiferente subir a un escenario cun cuarteto de corda ou cun dj, gravar a dúo co baterista Han Bennink ou enrolar a Tom Waits para que cante cunha big band trufada con samplers e percusións electrónicas: Douglas cae de pé propóñase o que se propoña. Para dar renda solta á súa asoballante personalidade musical, o de New Jersey fundou hai xa quince anos o seu propio selo musical. Greenleaf Music é dende entón o seu laboratorio particular e unha marca que garante un alto nivel de compromiso jazzístico.

Dende aquel magnífico Mountain Passages (2005) xa gravou unha vintena de discos como líder. Nos interludios desa inxente actividade reúnese con colegas tan dispares como Martial Solal, Uri Caine, Joe Lovano, Enrico Rava... ou exerce o seu papel imprescindible en Masada de John Zorn. Os seus fieis seguidores agardan cada nova entrega do seu heroe sabendo que será un salto en plena liberdade. High Risk, a súa última formación, recolle o ronsel de Keystone, con cinco gravacións ás súas costas, pero augura unha nova senda por territorios electrónicos. Se eles asumen o risco, ti non debes quedar atrás.

Christian McBride Trío. 31 de maio
Christian Mc Bride está chamado a ser o sucesor de Ron Carter no don da omnipresencia. Xa pasou de longo o número de 300 colaboracións como sidemen nunha discografía que inclúe ao mellor do mellor do jazz de todos os tempos: Freddie Hubbard, Sonny Rollins, McCoy Tyner, Hank Jones, Pat Metheny, Chick Corea, Herbie Hancock, Michael Brecker e un larguísimo etcétera. Os seus cotizados servizos non se limitan, non obstante, á órbita do jazz. Poucos músicos poden presumir de ter traballado como adaptador ou baixista para Isaac Hayes, James Brown, Natalie Cole, Sting, Paul McCartney, Carly Simon...

A crise dos corenta pillouno facendo o que mellor sabe facer: tocar o contrabaixo, un instrumento cuxa ampulosidade desaparece nas súas mans expertas, creativas e sumamente áxiles e sutís. A súa febril actividade para outros músicos non lle roubou o soño de gravar os seus propios discos, case sempre con formacións moi nutridas e cheas de acompañantes de alto nivel. O último rexistrado, Out here (2013), é a excepción. Na súa posta en escena gozarás dun jazz clásico, elegante, enmarcado na tradición e provisto da mellor arquitectura do trío de piano que pode encontrarse hoxe en día. A ocasión merece as túas mellores galas.

Maratón de Jazz, 19 de xuño
Santiago será de novo escenario do final do ciclo Jazz 1906, na praza da Quintana, como vén sendo habitual nas últimas edición co Maratón de Jazz o 19.06, 19 de xuño. Serán 12 horas de música (de 12:00 a 24:00 horas) de balde e en directo en plena rúa co obxectivo de compartir cos viandantes de forma aberta e sen barreiras as propostas musicais jazzísticas.

Prezos e venda de entradas
Os concertos do Teatro Principal serán todos ás 20:00 horas e terán un prezo de 20 € (17 € no anfiteatro) na compra anticipada e 25 € (22 € no anfiteatro) se se mercan o mesmo día. Pode adquirirse un abono para os catro concertos ao prezo de 70 euros. Como sempre, as entradas están á venta no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00 horas) así como en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Compartir: