ALCALDÍA

Agustín Hernández agarda que a modificación da ordenanza reguladora do vello hospital provincial permita á USC desenvolver os seus proxectos de futuro

09/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o reitor da USC, Juan Viaño, asinaron o protocolo entre a USC e o Concello que fixa as condicións de modificación da ordenanza OE-5, para xestionar o alleamento na parcela de titularidade universitaria do vello hospital provincial de Galeras. Avánzase así no proceso de recuperación deste antigo edificio- situado nunha parcela que era a única pendente de desenvolvemento nesta zona- co fin de dotar finalmente á cidade dun equipamento que satisfaga o interese público.

Segundo explicou Agustín Hernández, desenvolverase unha actuación de "perda de densidade, derrubando as partes menos interesantes do vello edificio hospitalario para gañar zonas públicas no mesmo borde da cidade histórica". Trátase, en definitiva, de facer posible a dotación de equipamentos nesta área acordes coa súa vocación de integración no propio conxunto histórico de novos usos urbanos, así como a apertura de vieiros en beneficio da mobilidade.

Lembrou o alcalde que este protocolo se asina 14 anos despois daquel 2001 no que o Concello aprobou a modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana e do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica para a creación da ordenanza especial OE-5 Galeras- Universidade. A sinatura chega poucos días despois (31 de xaneiro) da ratificación do texto do protocolo polo Pleno municipal.

Usos terciarios
Mediante esta declaración de intencións, o Concello asume a redacción e tramitación dunha modificación da ordenanza OE-5, co obxecto de flexibilizar a conservación integral do vello hospital, mantendo a esencialidade do edificio construído, tanto no que se refire ás fachadas pétreas como á súa tipoloxía hospitalaria característica e á envolvente volumétrica que marca a altura das cornixas. Ademais dos usos considerados na ordenanza –residencial comunitario, asistencial sanitario e outros contidos no artigo 136 do PXOM- a modificación introducirá os terciarios como usos permitidos.

Pola súa parte, a USC procederá a liberar dos actuais usos docentes o edificio da Escola de Estomatoloxía, hoxe incorporada á Facultade de Medicina e Odontoloxía, ao remate do curso 2016-2017, entregándollo ao Concello. Unha comisión paritaria encargarase do seguimento deste protocolo de carácter administrativo.

Para o alcalde, a firma deste convenio "é unha demostración das relacións de colaboración que deben rexer as relacións entre institucións que traballamos polo ben da nosa cidade". Esa vontade de coordinación foi manifestada tamén polo reitor, Juan Viaño, quen agarda que a poxa pola parcela permita á USC desenvolver proxectos de futuro como a construción da nova Facultade de Medicina, o traslado de Enfermería ou a unificación dos estudos de Ciencias da Educación.

Compartir: